A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, comezou a súa intervención no Debate de Política Xeral resumindo o mandato do Presidente do Goberno: Mintiras, incumprimentos electorais, inxustizas sociais, probeza e como colofón este corolario de corrupción do que non se salvan nen o Goberno nen a Coroa.
Incumprimentos con Galiza:
A deputada do BNG puxo enriba da mesa todos os incumprimentos do Goberno de Rajoy para con Galiza.
En relación ao sector naval, seguimos agardando polos anunciados contratos con PEMEX, sinalou. E o Tax Lease segue sen poder aplicarse porque continúan pendentes cuestións pendentes. E reprochou a Rajoy que prometeran un dique flotante para Navantia Ferrol e tres meses máis tarde xa o descartan. No nos enganen máis Señor Rajoy porque os traballadores saben que a partir de setembro estarán sen traballo.
No capítulo das infraestructuras, Davila criticou a paralización das obras da A-54 Santiago-Lugo, a pretensión de rebaixar o AVE na entrada a Ourense e o parco acordo de descontos para a AP-9 que só é fume.
Foi moi crítica coa xestión do Goberno en relación á pesca, poñendo de manifesto os importantes recortes nas cotas pesqueiras da UE e do Goberno que prexudican sobre todo á frota de baixura galega. Hoxe mesmo a frota está amarrada a porto en protesta polas políticas que non lles deixan exercer a súa actividade. Acusou a Rajoy de esquecer á frota galega cefalopodeira, excluida do Acordo de Pesca UE-Mauritania.
No que atinxe aos fondos europeos, tildou a negociación de fracaso clamoroso porque Galiza vai percibir entre 2014 e 2020 1.300 millóns menos.
Dimita e convoque eleccións. A corrupción
Davila acusou ao Presidente do Goberno de se ter referido á corrupción como un ente abstracto, como un grande luminoso que mira como se non fose con vosté, obviando que o seu partido político é o protagonista da historia, e que aínda que non mente a bicha, está aí. Os feitos son graves e agardábamos que fixese autocrítica en lugar de xogar a meter a todo o mundo no mesmo saco.
Non cre que resulta obsceno e inmoral que vosté e outros membros do Goberno percibiran cantidades estratosféricas de carto nunha situación de grave crise económica, mentras reparten recortes e piden sacrificios á pobación?, preguntou Davila.
A portavoz do BNG afirmou que vosté perdeu a confianza da cidadanía Señor Rajoy, a mancha da sospeita se estendeu sobre varias persoas do seu gabinete como a Ministra de Sanidade ou o Ministro de Facenda, e sobre vosté mesmo pesa a dúbida que lle resta credibilidade. Por iso, demandou a demisión de Rajoy e a convocatoria de eleccións.
A corrupción, enfatizou, é fundamentalmente do seu partido, non é de todos, e non nos meta a todos no mesmo saco.
O drama do paro
A deputada do BNG aludiu ás consecuencias negativas da reforma laboral da que din sentirse orgullosos e levan un ano augurando as bondades dunha lexislación laboral que só serviu para empiorar os dereitos dos traballadores, rebaixar salarios a todo o mundo, aumentar as cifas do paro, abaratar os despedimentos e precarizar as condicións laborais.
A portavoz do BNG lembrou que hai 6 millóns de parados, un drama que afecta sobre todo á mocidade que cada vez emigra máis. Salientou o preocupante aumento da probeza, e as perversidades dos recortes que están a desmantelar o máis preciado do Estado de Benestar: sanidade, educación e servizos sociais e dependencia, servizos públicos que son competencia das CC.AA.
Modelo centralista e necesidade de avanzar na soberanía financeira
Puxo de manifesto a asfixia á que están a someter ás CC.AA coas súas exixencias de cumprimento de défice e as están abocando a practicar recortes a mansalva. Sinalou que tamén utilizan a crise como pretexto para implantar o seu modelo centralista, recentralizando competencias. Enfatizou a necesidade de avanzar na descentralización dos tributos para que nacións como Galiza conten con Axencia Tributaria propia e poidan recadar os seus impostos.
Davila demandou soberanía financeira, con maiores cotas de autogoberno que permita contar cos recursos necesarios para destinalos aos servizos públicos que os cidadáns necesitan. Non esqueza que empresas como Fenosa, Iberdrola ou AUDASA que explotan recursos en Galiza tributan en Madrid.
Plantexamos unha reforma constitucional
Davila recordou as palabras do Presidente do Goberno de onte en relación a que a Constitución está aberta a reformas. Con clareza, afirmou que o BNG considera que toda lei é susceptíbel de ser modificada para ser adaptada á evolución dos acontecementos. Plantexamos unha reforma constitucional partindo da realidade plurinacional e do recoñecemento da soberanía das nacións xa recoñecidas como nacionalidades históricas. E criticou a crise institucional debido á corrupción que afecta á Coroa e ao Goberno.
Dixo que non se sacralice a Constitución que reforman á súa conveniencia cando se trata do défice pero que incumpren flagrantemente cando se trata de asegurar o dereito a un traballo e a unha vivenda dignos.
Sanean unha banca que desaloxa e engana coas preferentes
A portavoz do BNG criticou as medidas de reestructuración bancaria do Goberno que só serviron para finiquitar as Caixas de Aforro e despedir a miles de traballadores de Novagalicia banco, e acusou a Rajoy de despilfarrar recursos públicos para sanear a unha banca que desaloxa a cidadáns das súas casas e que enganou a miles de persoas coa grande estafa das preferentes.
Fortes cos débis e condescendentes cos fortes
Acusou ao Goberno de activo tóxico por non crear emprego, aumentar o IVE, as taxas xudiciais, as matrículas universitarias, o copago farmacéutico, rebaixan o poder adquisitivo dos pensionistas e relegan ás persoas dependentes á miseria.
Son fortes cos débis pero condescendentes cos fortes, sinalou.
A portavoz do BNG rematou demandando a demisión de Rajoy e a convocatoria de elección para que a cidadanía se pronuncie.