A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, pediu esta mañá a derogación da reforma laboral ante os pésimos dados da EPA que indica un aumento do paro descomunal.
O paro aumentou en 85.000 persoas no terceiro trimestre, a pesar de que coincide co periodo de vacacións de verán no que sempre se producen as contratacións temporais. As crifras son alarmantemente nefastas e moi negativas. 5.778.100 persoas están no paro no Estado español, acadando a porcentaxe do 25,02% da poboación activa.
Estas cifras demostran que a reforma laboral da que tanto presume Rajoy e a Ministra de Emprego non vale para nada, non vale para crear emprego, é unha auténtica nulidade, só destrúe emprego, afirma a deputada do BNG.
Neste sentido, a parlamentar do BNG tildou á Ministra de ineficaz e incompetente.
Olaia Fernández Davila sinala que con estos pésimos dados, agardo que o Presidente do Goberno non siga dicindo que está moi contento coa reforma laboral e que está a producir resultados. Cun paro galopante, con números récord, non se pode continuar afirmando que a reforma laboral funciona. É un engano que ningúen se cre. É unha máquina de destruir traballo.
Tamén salienta Davila a situación de incremento de fogares con todos os seus membros no paro. A cifra máis elevada que nunca existiu, 1.737.900 fogares con todos os seus membros en situación de desemprego.
En relación a Galiza, a deputada do BNG subliñou que non caben os triunfalismos porque temos a máis de 264.000 persoas desempregadas e hai 7.900 fogares con todos os seus membros no paro. Non se poden ocultar as auténticas cifras. Esa é a realidade.