A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou que os efectos do Goberno de Rajoy os podemos ver nos máis de 6 millóns de parados, e no preocupante aumento dos índices de probeza das familias no Estado español. É un Executivo totalmente prexudicial para a calidade de vida da xente.
Cualificou ao Goberno do PP de nulo, ineficaz e incapaz de atallar as dramáticas cifras do paro. Non fixo nada para reducir o número de parados, ao contrario, as súas medidas só serviron para aumentar de maneira alarmante o número de persoas desempregadas que parece non ter fin á vista das lamentábeis perspectivas para o ano 2013. É unha máquina de crear paro. O Goberno do tasazo, en alusión ás abusivas taxas no ámbito xudicial.
Un Goberno desacreditado porque enganou e mentiu·
Davila enfatizou que o Goberno de Rajoy é totalmente tóxico para a vida da cidadanía e nos está a levar a tempos pasados, tanto no sistema económico, de traballo como social. Só nos ofrece para o ano 2013 máis paro, peores condicións de vida e ningunha esperanza de saír do burato nos que nos está a levar. Foi un ano de goberno sostido na mintira e na falsedade, incumprindo as súas promesas estrelas: subiu o IVE e o IRPF, rebaixou os salarios dos empregados públicos, e reduciu os ingresos dos pensionistas.
A deputada nacionalista puxo de manifesto que o Goberno do PP está totalmente desacreditado porque enganou e mentiu. Alertou do que queda por vir porque van a polas pensións, en referencia á pretensión do PP de endurecer as prexubilacións e meter mán ás pensións. E censurou o arrase de Novacaixagalicia de NCG banco. Un banco nacionalizado, en máns do FROB, e para que? Pois para eliminar a obra social de Novacaixagalicia, despedir a miles de traballadores, pechar oficinas e eliminar a súa adscripción territorial a Galiza.
Un pesadelo do que é preciso despertar
Olaia Fernández Davila fixo repaso dalgunhas das medidas adoptadas polo PP como a dura reforma laboral que só sirve para tramitar ERE´s á velocidade de cruceiro. Introduciu o copago farmacéutico e restriccións no acceso universal á sanidade. O Goberno de Rajoy aniquilou a Lei de Dependencia e recortou servizos sociais cando medrou nun 40% os usuarios destes servizos, aumentou de maneira importante o IVE castigando así o consumo e tamén a moitas pequenas e medianas empresas que están a pechar.
O Goberno de Rajoy golpeou a educación pública reducindo as bolsas ao estudantado, reducindo profesorado. Rebaixou os salarios dos empregados públicos e incluso incumpriu a súa promesa estrela de non revalorizar as pensións, enfatizou a deputada do BNG. Para Davila este Goberno é un pesadelo do que é preciso despertar, debemos unirnos e lograr que retroceda na auténtica escabechina que está a facer.
É un goberno tóxico para a vida da xente, que o único que nos trae é máis paro e peores condicións de vida
A deputada do BNG reprochou a Rajoy un xeito de gobernar impropia dunha democracia, unha maneira de gobernar a golpe de Real Decreto Lei. Adoptando decisións moi prexudiciais para os traballadores e as traballadoras, co abaratamento dos despedimentos, rebaixas salariais e facilidades para restaurar un mercado de traballo característico da era industrial do século XIX. Nada do que presumir aínda que Rajoy enarbole a reforma laboral que está a ser unha máquina de expulsión de traballadores.
Os sacrificios todos para a cidadanía
A portavoz do BNG afirmou que todas as decisións adoptadas polo PP só conseguiron aumentar o paro, empiorar a economía, incrementar os índices de probeza, e incrementar o custe da vida ao mesmo tempo que reduce significativamente os ingresos económicos da xente. Sen esquecer a manía que lle entreou por rematar con todo o que é público. E puxo o énfase nas previsións para o ano 2013 que son desalentadoras. Haberá máis desempregados, máis decretos lesivos e máis sacrificios para a cidadanía.
A parlamentar do BNG fixo un chamamento á reflexión ao Goberno para que se faga un propósito de ano novo: reducir as cifras do paro e empezar a gobernar doutra maneira, adoptando medidas para mellorar a vida da xente en lugar de empiorala.