A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna da Cámara Baixa para explicar a posición do BNG nun debate sobre a abdicación do Rei Juan Carlos moi limitado polo pacto establecido entre o PP e o PSOE.
Deixan todo atado e ben atado
A portavoz do BNG lembrou a posta en escena do anuncio de abdicación do Rei Juan Carlos na que se deixou claro que todo estaba atado e ben atado. Criticou a operación do bipartidismo que presentou no Congreso un escrito decantándose por un proxecto de lei en leitura única, o que foi a mellor mostra de que vostedes accionaron o peche de comportas para que se perpetúe un réxime herdado da ditadura franquista.
E puxo de manifesto que até o de agora nunca houbo ocasión de pronunciarse sobre a continuidade monárquica de xeito libre e democrática.
Así, lembrou que a reforma política da Transición non permitiu unha consulta popular directa sobre isto, porque foi integrado nun texto constitucional máis amplo. Por esa razón, o nacionalismo galego non avaliou o que considerou unha fraude democrática. Para Davila a Transición foi deseñada e executada desde os poderes do réxime ditatorial.
O BNG pón a Galiza no debate: aspiramos a que Galiza teña unha República propia
Davila puxo a Galiza no debate ao sinalar que nacións como Galiza sofriron con forza as consecuencias negativas que emanaron desde o centralismo estatal. Un pais, puntualizou, que necesita desenvolver as súas proprias potencialidades, amparar e protexer os seus sectores produtivos, promover as políticas máis axeitadas para a súa poboación, que desde o BNG consideramos deben pasar porque Galiza poida ter a liberdade de decidir como nación que é, sen estar sometida ás veleidades dun modelo de estado esgotado.
Afirmou con rotundidade que desde as nosas convicións democráticas, como nacionalistas galegos, aspiramos a poder artellar unha República propria na Galiza.
Non poden mirar para outro lado: o modelo territorial está nunha grave crise
A portavoz do BNG acusou ao PP e ao PSOE de escoller un modo de proceder alonxado dos mínimos democráticos, o cal non axuda a rematar coa desafección da cidadanía cara a política. Como fixeron coa corrupción que campea polos dominios do PP e da que non se libra a Casa Real, contribuíron así a agrandar o burato da falla de credibilidade na política.
Davila díxolle a Rajoy que as presas de hoxe teñen un doble obxectivo: perpetuar o réxime monárquico e pechar calquer debate en profundidade sobre o modelo político e institucional, fortemente cuestionado pola apartura de procesos soberanistas que son xa imparábeis.
Reprochou ao bipartidismo que opte por mirar para outro lado e facer como na primeira Transición, barrer baixo a alfombra. Fraco favor lle fan á democracia encarando a abdicación partindo dun exercicio de abstracción da realidade político-territorial, económica e institucional actual. E acusounos de deixar pasar unha oportunidade histórica.
Davila advertiu a Rajoy que por máis que traten de negalo o modelo territorial está inmerso nunha grave crise. Referiuse en concreto á negativa a recoñecer o dereito a decidir das distintas nacións que compoñen o estado e que choca coa vontade da cidadanía que reclama soberanía política e dereito a decidir. Para a deputada do BNG é o momento idóneo porque hai procesos soberanistas moi avanzados pero vostedes prefiren repetir a historia de 1978.
A portavoz do BNG aludiu ao proxecto de lei orgánica que non só regula un relevo senón que afirma a continuidade dun réxime político e institucional que na actualidade está cuestionado por unha ampla maioría da poboación, debido á súa incapacidade para resolver os graves problemas económicos e sociais, e que ante a grave crise ofrece máis centralización e concentración económica.
A PROPOSTA DO BNG DE REFERENDO CONSULTIVO
Olaia Fernández Davila rematou explicando as propostas do BNG contidas na emenda á totalidade con texto alternativo: Defendemos a celebración nun prazo dun mes un referendo consultivo para someter á decisión democrática un novo modelo político e institucional no que se recoñeza a soberanía das nacións e o dereito a decidir, ademáis dun pronunciamento sobre a Xefatura do Estado.
Para Davila nesta conxuntura non é oportuno un simple cambio na figura
que ostenta a Xefatura do Estado. Para o BNG os pasos cara o futuro están claros e pasan polo inicio de procesos constituíntes nas nacións que compoñen o estado español, que aborde con valentía todas estas cuestións. O demais, o que vostedes están a facer, é simplesmente xirar na mesma dirección e actúan como cancerbeiros impedindo o paso ao ar fresco que se precisa.