O BNG presentou o manifesto Construíndo Futuro dentro do proceso de asembleas abertas que impulsa en todos os concellos do país e que se desenvolverá ata o mes de outubro nunha aposta integradora para toda a sociedade galega, en palabra do portavoz nacional, Xavier Vence.
Acompañado de referentes do mundo da cultura, como Manuel Lourenzo e Xurxo Souto, e do activismo social e veciñal como a xornalista Concha de la Fuente, Elvira Souto e outras e outras persoas a título individual que quixeron amosar o seu apoio ao proceso, Vence enumerou os obxectivos da iniciativa impulsada polo Bloque.
Escoitar a toda a cidadanía rebelde que vén pedindo unha participación directa na vida política, en particular as propostas para os seus concellos. Socializar a experiencia dos gobernos municipais do BNG contra as políticas agresivas de recortes do PP, e converterse no referente político desa cidadanía cunha alternativa plural, integradora que non se resigna a ver esmorecer este país.
E todo desde unha premisa clave: aposta total polo papel da cidadanía pero dun xeito organizado porque é a única maneira de derrotar ao exercito do PP.
Creemos na iniciativa da cidadanía nesa loita por empoderarse e recuperar o protagonismo ante uns poderes oligárquicos que toman as decisións en contra dos seus intereses, pero é necesario organizarse se queremos ter éxito contra o exército do PP, subliñou Vence, tras advertir que un exceso de espontaneismo non é a mellor maneira de plantarlle cara á dereita e as súas políticas de agresión á maioría social.
Por contra, é necesario unha organización aberta, flexible, plural, participativa, que recolla todas as inquedanzas, unha organización para todo o país cun proxecto claro que non sexa unha contestación de cabreo momentáneo, argumentou.
Neste sentido, Vence convidou á participación activa de todas as persoas que se están movendo polo país adiante, que queren mudar a realidade, sexan nacionalistas ou non, porque non imos pedirlle o carné a ninguén. A toda esa xente queremos escoitala e integrala nun proxecto amplo, plural, aberto, un proxecto de futuro nacionalista e transformador, argumentou.
As asembleas abertas tamén serán unha oportunidade para socializar as experiencias dos gobernos municipais do BNG, capaces de contrarrestar as políticas do PP con medidas de cohesión social e de dinamización económica, desde Allariz a Pontevedra, Monforte, Bueu, Tomiño, Carballo, entre outros referentes.
Queremos explicarlle á cidadanía deste país o que o BNG vén facendo nos concellos onde goberna, porque temos experiencia de traballo e de goberno nos concellos moi exitosas, non somos novatos, salientou Vence.
Na presentación do manifesto, Concha de la Fuente reivindicou o papel que deben xogar as mulleres neste momento político, e Xurxo Souto insistiu na necesidade de ter referentes políticas claros, nestes tempos de confusión e convidou aos galegos e galegas a ser protagonistas rexeitando o papel de meros espectadores porque somos pobo e temos unha tradición.
Finalmente, Vence reiterou a necesidade de facer un fronte común contra o golpazo antidemocrático que pretende o PP coa reforma electoral, para acadar un poder absoluto nas institucións sen contar co apoio da maioría social. Todos os demócratas deberíamos amosarnos unidos, alegou Vence, quen lamentou a ausencia do PSdeG na reunión aberta convocada a iniciativa do Bloque para o vindeiro venres ne Santiago.