O Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, aprobou propor á militancia concorrer ás eleccións europeas de maio nunha coalición con EH-Bildu e Candidatura d´Unitat Popular (CUP). Esta proposta pasa agora a ser debatida e votada nas asembleas comarcais, para que sexa a militancia a que finalmente decida a alianza do BNG de cara a cita electoral do 25 de maio. O proceso empeza nas bases e remata nas bases, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence.
O Consello Nacional valorou que esta alternativa mantén a opción dunha candidatura conformada con forzas políticas nacionalistas de esquerda das tres nacións e, sobre todo, considera que é a coalición que mellor garante que Galiza acade unha voz forte en Europa para a defensa dos seus intereses de país e para a construción doutro modelo de Europa, social e dos pobos.
Preguntado polos xornalistas en relación a posibles acordos co Anova, Vence salientou que a proposta que o BNG fixo desde o principio segue encima da mesa pendente de que esta forza política decida cales serán os seus aliados de cara as eleccións europeas.
Igualmente, o CN tamén aprobou, sen ningún voto en contra, a candidatura do BNG ás eleccións europeas, que encabezará Ana Miranda, eurodeputada na presenta Lexislatura, da que o portavoz nacional subliñou o seu traballo brillante e sen descanso en defensa dos sectores produtivos e dos colectivos sociais agredidos pola crise. Defendeu sen arrugarse os intereses de Galiza en Europa e iso o recoñece tanto a nosa militancia como a maioría dos galegos e galegas, indicou.
Como número dous da candidatura figura o portavoz municipal da Coruña, Xosé Manuel Carril, de tres a xornalista Olaia Rodil, Xesús Domínguez, portavoz dos estafados polas preferentes, de número catro; Alba Fidalgo, activista contra os abusos bancarios, de cinco, Suso de Toro, escritor e ensaista, de seis, seguidos de Isabel Risco, actriz; Manuel Moreira, médico e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública; Victoria Louro, activistas do movemento feminista e Cesar Rodríguez, traballador do sector naval de Vigo. (Axúntase candidatura completa).
Unha candidatura da cidadanía na que están presentes representantes dos colectivos e plataformas sociais máis activos contra a política de recortes e privatización do PP, dos sectores económicos máis afectados polas políticas de Bruxelas, e figuras referencias da cultura e a lingua galegas.
Tamén quedou aprobado o comité nacional electoral, que será coordinado polo secretario de organización, Bieito Lobeira.
Galego, lingua oficial na UE
O Consello Nacional tamén deu luz verde ás liñas básicas do programa electoral que, explicou Vence, ten como mensaxe central dotar de voz directa a Galiza en Europa, rachando co papel dependente do noso país ao Estado español, tamén ante as institucións comunitarias.
Neste sentido, subliñou que o programa do Bloque defenderá o galego como lingua oficial en Europa e proporá a xestión directa por Galiza de todos os fondos que lle correspondan, en especial os fondos estruturais e os dedicados as políticas agraria e pesqueira e á investigación e innovación, así como a parte que lle corresponda do fondo de cohesión.
Do mesmo xeito, o programa electoral recollerá a participación directa desde Galiza na elaboración de políticas vinculantes que afecten aos seus sectores produtivos, nomeadamente a PAC e PPC, así como o outorgamento da plena capacidade de aplicación e xestión das mesmas no noso territorio.
En definitiva, o BNG como forza útil para Galiza en Europa, como xa ten demostrado nesta lexislatura, ser o valedor dos intereses dos sectores produtivos da economía galega, para frear a destrución a que os aboca o actual modelo da UE, indicou Vence.
A cidadanía ten o 25 de maio unha oportunidade de axustar contas coa Troika e coas forzas políticas que aplican as súas consignas gobernando a favor dos lobbies financeiros e en contra da maioría social, concluíu Vence.