Concentrando o voto nacionalista, galeguista e de esquerdas no BNG, Feijóo perderá e gañará Galiza

 

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, asegurou esta tarde noite nun mitin que o cambio real que precisa Galiza é posíbel “se todos e todas imos votar, se non dividimos o voto”.

Jorquera amosouse convencido de que de se concentrar todo o voto nacionalista, galeguista e de esquerdas no BNG, Feijóo perderá as eleccións e de aí a estratexia do PP de que se disperse voto, “fagamos, pois, o que máis lle doe ao PP e votemos BNG”.

O candidato nacionalista defendeu o voto para o BNG “porque nós temos proxecto de País, nós cremos en Galiza e nas súas potencialidades” a diferenza de Feijóo, que está máis preocupado por facer carreira en Madrid, malia que agora tente agachar as súas siglas e as fotos con Mariano Rajoy, como volveu acontecer hoxe.

Segunda oportunidade

Para Jorquera, un presidente da Xunta que renega das súas propias siglas é un presidente “indigno” e un presidente que “minte” non merece unha segunda oportunidade, esa oportunidade ten que ir -dixo- para unha formación como o BNG, que priorizará as políticas sociais e unha reforma fiscal que faga pagar máis a quen máis ten como estratexia contra a crise.

O BNG ten proxecto de País mentres Feijóo volve evitar a foto con Rajoy cando o seu programa é de sumisión total a Madrid

Neste sentido, apostou pola necesidade de ter máis autogoberno porque a saída social que precisa a crise pasa tamén por ter máis soberanía, por poder decidir dende Galiza sobre a pesca, sobre a enerxía, sobre o prezo do leite ou sobre o naval.

O balanzo de Feijóo durante esta lexislatura é a do “pior goberno da historia de Galiza”, é a dun “frío contábel” en vez da dun presidente da Xunta, que deixa 113.000 persoas máis nas listas do paro, 60.000 mozos e mozas na emigración, máis de 3.000 gandeiros que tiveron que pechar as súas explotacións e máis de 5.000 pequenas e medianas empresas liquidadas.

O candidato do BNG engadiu a esta “desastrosa” realidade as “trampas” de Feijóo á hora de cadrar as contas e incidiu no informe do Consello de Contas que demostra a desviación de 400 millóns de euros do exercicio 2010 a 2011.

Jorquera concluiu apelando ao espíritu de Nunca Máis, toda vez que nuns días comeza o xuízo do Prestige, “para que o 21 de Outubro o pobo galego diga non á marea negra do centralismo, da perversión da democracia e da inxustiza social. Feijóo sabe que se concetramos o voto e dicimos non o PP ten as eleccións perdidas”.

Carlos Aymerich

Pola súa parte, o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich, animou ás 400 persoas que se congregaron no Pavillón Alvaro Pino a que non se deixen enganar outra vez polas mentiras de Feijó, "son virtuosos da mentira, insultan a nosa intelixencia", dixo.

Aymerich preguntou aos asistentes se acaso Ponteareas, que é un bo exemplo de sucesivos gobernos do PP, ten unhas contas "tan saneadas", ironizou, e cuestionou, se tanto se aforra onde mete os cartos Feijóo, "pois a sanidade ou ensino non van".

 

http://youtu.be/Fz60jJ82gxs

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG