A voceira de Pesca do G.P. do BNG, Montse Prado, denunciou a política criminal do PP en materia de salvamento marítimo, que acaba de costarlle a vida á percebeira de Oia nun accidente que nestes momentos ninguén na cidadanía galega ten dúbida xa de que se podería ter evitado.
Ante esta realidade, Montse Prado reclamou en rolda de prensa a comparecencia urxente de Feijóo e a creazón dunha comisión de investigación que non só analice as circunstancias do sinistro senón tamén as consecuencias das medidas adoptadas polo PP en materia de salvamento, como a privatizacións dos helicópteros ou a eliminación do seguro colectivo de accidentes.
A deputada nacionalista asegurou que Feijóo ten que explicar aos galegos e galegas se dá por bo que a morte dunha persoa pode ser considerada dano colateral na súa política de favorecer o negocio das empresas frente aos intereses dun colectivo que vive nunha situación de grave desamparo.
Medidas contra a empresa
Para a parlamentar, non é de recibo que sen coñecer aínda o resultado da investigación que teoricamente vai abrir a Xunta, xa dea por suposto que non se vai tomar ningunha medida contra a empresa nin se vai restrinxir o contrato con ela.
Prado preguntouse se esta vai ser a actitude de Feijóo ao longo da lexislatura, dar por boas actuacións como a da conselleira, que está a actuar máis como delegada da empresa que como membro dun goberno que ten como primeira obriga defender os intereses dos cidadáns, nomeadamente das xentes do mar.
Rosa Quintana ten que asumir responsabilidades porque en Galiza o mar non é un hobby, senón unha actividade económica da que dependen milleiros de persoas, que teñen que ter garantida a súa seguridade
Dende o BNG engadiu- seguimos pedindo a dimisión de Rosa Quintana porque hai que asumir responsabilidades e exixir un servizo de salvamento dotado de recursos, materiais e humanos, pois nun País como Galiza, onde o mar non é un hobby senón unha actividade económica da que dependen milleiros de persoas, garantir ese servizo é unha obriga.
Denuncias anteriores
A voceira de pesca nacionalista cuestionou como é posíbel que pagando máis se estea dando peor servizo e advertiu á Xunta que non se pode falar dunha cuestión de forza maior sobre a resolución transitoria do contrato dos helicópteros- cando hai xa varios meses que se están producindo denuncias por problemas no seu funcionamento.
O que nos preguntamos e se pregunta a maioría da sociedade continuou- é como unha resolución transitoria da Consellería pode eximir á empresa Enaer de cumprir o contrato que ten asignado, pode permitirlle incumprir os tempos de resposta e non facer gardas presenciais.
A morte de Mercedes Veiga non pode ser en van, non pode haber unha morte máis, a Xunta ten que rectificar as súas políticas
Montse Prado concluiu insistindo en que decisións como esta resolución transitoria teñen tráxicas consecuencias, por iso é necesaria a comparecencia de Feijóo, a dimisión de Rosa Quintana e a comisión de investigación, tanto sobre o accidente como sobre a política se salvamento en xeral.
Taxas e seguro colectivo
Neste sentido, puxo como exemplo que a familia da percebeira non vai ter dereito a ser indemnizada froito da decisión do PP de anular o seguro colectivo de accidentes e se tivera a fortuna de ter sido rescatada é problable que tivera que desembolsar unha boa cantidade de cartos se Salvamento considerara que estaba nunha actividade de risco, debido á politica de taxas imposta por Feijóo na pasada lexislatura.
A morte dunha persoa non pode ser en van, nin as anteriores tampouco, non pode haber unha morte máis, a Xunta ten a obriga de rectificar a súas políticas.
http://youtu.be/VJpXB4-3bXI