Jorquera defende non esixir unha porcentaxe mínima para acceder ao reparto de escanos, correspondencia entre o voto en urna e representación parlamentaria e que a Cámara galega reflicta a democracia que demanda a sociedade galega
O BNG rexistra unha Proposición de Lei para reformar a Lei de Eleccións ao Parlamento de Galiza ante o anuncio do Partido popular de reducir o número de parlamentarios no hemiciclo galego.
O Portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera manifestou, en sede parlamentar, que na actualidade a cidadanía reclama máis democracia nos parlamentos que os representan fronte os tempos de degradación democrática que estamos a vivir.
O nacionalista afirmou que o BNG presenta esta reforma electoral coa intención de acadar un consenso, sen pretender ir por libre ante unha lei que marca as regras básicas de funcionamento do sistema democrático, o BNG, dixo, ten disposición a chegar a acordos pero o Partido popular xa deixou clara a súa postura que non é outra máis que reducir o número de escanos, con ou sen acordo.
O PP impón a súa maioría para reducir escanos
Ante esta imposición, Jorquera manifestou que o BNG presenta a súa proposta de reforma electoral para reservarse o dereito, no caso de non rectificación do Partido popular , de confrontar a proposta nacionalista coa dos conservadores porque O BNG, pola contra, engadiu, quer avanzar en "dirección oposta á do Partido popular.
O portavoz nacionalista na Cámara galega defendeu unha maior democracia e a súa radicalización no sentido de enraizar o respecto e vontade que reclama a cidadanía.
Neste sentido, o nacionalista indicou que a reforma proposta polo BNG vai destinada a que a porcentaxe de voto acadada por cada forza política nas urnas teña a súa correspondencia coa porcentaxe de escanos no Parlamento e que o reparto de escanos entre as distintas provincias sexa proporcional a súa poboación, que ese reparto sexa tamén proporcional ao acadado nas urnas e que non se esixa unha porcentaxe mínima para que haxa plena correspondencia entre o que votan os cidadáns e a representación parlamentaria.
Resposta do BNG á carta do portavoz popular
Jorquera comunicou ao portavoz do Grupo parlamentario do Partido popular, Pedro Puy a intención do BNG de non participar na reunión sobre a proposta de reforma electoral do PP porque, ao seu xuízo, o PP impón unha redución de escanos con ou sen acordo co único obxectivo de manter a súa maioría absoluta.
O BNG dixo, confrontará a súa reforma coa do PP cando se produza o debate parlamentario pero non asistirá a ningunha reunión co Partido popular baixo as premisas marcadas por este.