Centos de militantes do BNG ocupan sedes de bancos e delegacións da Xunta contra o roubo

En Santiago de Compostela, no Instituto Galego de Consumo

No marco da campaña “Non é unha crise, é un roubo”, varios centos de militantes do Bloque Nacionalista Galego ocuparon este mediodía, de xeito simultáneo, diversas entidades bancarias do noso país, así como dependencias administrativas da Xunta de Galiza, para pór en evidencia o drama que está a padecer o pobo e para sinalar, directamente, os responsábeis deste roubo, a banca especulativa, e quen o ampara, o Partido Popular, desde o Goberno español e desde a Xunta de Galiza. Así, os nacionalistas pecháronse no Instituto Galego de Consumo, en Santiago de Compostela, nas centrais de Novagalicia Banco en Ferrol e mais en Ourense, no edificio administrivo da Xunta de Galiza en Lugo, na Delegación de Facenda en Foz e na oficina central do Banco CEISS (resultado da fusión de Caja España e Caja Duero) en Vigo, da que os militantes do BNG saíron entre aplausos da clientela e dos traballadores.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou na protesta que os militantes nacionalistas desenvolveron ás portas da sede do Banco de España na Coruña, espazo que non puideron ocupar ao serlles fechadas as portas. En declaracións aos medios, Vence, que estaba acompañado do portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, e do portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, cargou contra “toda unha política de recortes absolutamente inxustos, tanto nos servizos públicos, como nos salarios ou no acceso ao crédito das empresas de economía produtiva que provoca que a sociedade estea a pagar cos seus impostos o rescate do enorme burato da banca española e europea”.

En Vigo, na sucursal do Banco CEISS

Proclamou Vence que “somos da maioría da xente, somos dos máis, das e dos que se erguen cedo e se deitan tarde para saír adiante cada día, e estamos aquí para dicirlles que non imos ficar calados e caladas, que imos responder ás agresións diarias duns gobernos que defenden os culpábeis e castigan as vítimas, que imos ensinar os dentes e seguir na rúa na defensa dos dereitos e das liberdades, na defensa do noso presente e do noso futuro, na defensa das nosas vidas”.

Xavier Vence salientou ante os medios que “no BNG temos claro que esta crise é un roubo, porque a estafa bancaria das preferentes é roubo, como o recorte en gasto social e en servizos públicos, a reforma laboral, o aumento dos impostos, a emigración forzosa da nosa mocidade, a destrución salvaxe e insostíbel do noso territorio e dos nosos recursos mineiros, enerxéticos, marítimos ou como o impedimento de podermos desenvolver os nosos plans de vida, de podermos garantir unha vivenda e un traballo digno”.

Vence: “Fronte a este roubo, desde o BNG imos estar á altura, defendendo na rúa e nas institucións as vítimas do empobrecemento social ao que nos leva o Partido Popular”

En Santiago de Compostela, no Instituto Galego de Consumo

Advertiu o portavoz nacionalista de que “este roubo supón unha estratexia de resultados terríbeis para a xente e fai pagar todos os custes da crise naqueles que, xustamente, non a causaron: persoas aforradoras, contribuíntes, traballadoras, desempregadas, funcionarias, pensionistas, autónomas, pemes e economía produtiva en xeral”. “Fronte a este roubo, desde o BNG imos estar á altura, defendendo na rúa e nas institucións as vítimas do empobrecemento social ao que nos leva o Partido Popular”, engadiu.

Por último, o portavoz nacional do BNG puxo de manifesto que a realidade que vivimos hoxe é “unha realidade colonial”, porque “somos un país que esmorece, que se vén abaixo e que queren desertizar social e economicamente”. Para lle dar a volta a esta situación dramática, Xavier Vence reivindicou a soberanía nacional. “Só así poderemos tomar libremente decisións políticas en función dos nosos intereses, os da maioría social galega hoxe empobrecida e castigada pola factura dunha crise que non causou”, salientou.

Máis imaxes na nosa canle de Flickr.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG