Francisco Jorquera acusa ao Goberno de Feijóo de submisión ao Goberno central para anular a xa raquítica autonomía fiscal e financeira galega. O límite de gasto non financeiro para o 2015 foi aprobado hoxe en solitario polo Grupo parlamentario do PP
Pleno- O portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera anunciou hoxe o voto contrario do BNG á proposta de límite de gasto non financeiro debatida na Cámara galega.
O parlamentario cualificou de nova volta de torca a proposta do PP para o ano 2015 da que dixo representar o sometemento do Goberno galego ao central para continuar no camiño de anular a nosa xa raquítica autonomía fiscal e financeira e autogoberno.
Durante a súa intervención, Jorquera lamentou a anulación do autogoberno galego como se puido comprobar, dixo, coa a imposición dos criterios do Goberno central na pasada reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira para ás CC.AA. Pasadas unhas horas da reunión do CPFF, lembrou, o venres pola mañá a Xunta, recibida a pertinente consigna de Madrid, aprobou o límite de gasto que hoxe pretende ratificar.
O Goberno de Rajoy, comandante en Xefe dunha Galiza convertida en Capitanía da Rexión do Noroeste
Jorquera denunciou que, ao igual que o ano pasado, o pleno foi convocado sen posibilidade de presentar emenda tras un acordo do Goberno da Xunta despois de dicir Amén a todo o disposto polo Goberno central, a isto, dixo, queda reducida a democracia e o autogoberno, a unha cadea de mando propia do estamento militar no que o Goberno central exerce de comandante en Xefe das forzas armadas, a Xunta comportándose como Capitanía Xeneral da Rexión Militar do Noroeste e o Parlamento como Cabo Furriel.
O PP no camiño de anular o autogoberno galego
O deputado criticou as condicións de límites de déficit estritos para as CC.AA que imposibilitan o deseño de políticas fiscais propias en Galiza e dunha contrareforma fiscal inxusta e centralistaque reduce gravemente os recursos aprazando, sine die a revisión do sistema de financiamento autonómico.
Pola súa parte, o Ministro Montoro xustifica as medidas asegurando que resulta imposible que o Estado poña máis cartos para as autonómicas mentres anuncia rebaixas fiscais que beneficiarán as rendas máis altas e as grandes empresas, este é o modelo polo que aposta o PP, criticou Jorquera.
Montoro racionaliza o gasto con máis taxas e copagos para os máis débiles
O Ministro de Facenda, chámalle racionalizar o gasto a establecer taxas hostaleiras nos hospitais, incrementar a ratio de alumnos por aula, copagos polas interrupcións voluntarias de embarazos, copagos por asistencia á consulta médica, urxencias, receitas... e o resto de propostas incluídas son medidas, afirmou o nacionalista, que todas elas afectan a servizos transferidos.
Como ten denunciado o BNG, recalcou Jorquera, o Estado utiliza a crise como pretexto para converter en papel mollado a autonomía financeira e centralizar aínda máis o poder impoñendo o seu modelo antisocial.
Mentres outras comunidades cuestionaron as propostas do Goberno central, en Galiza encontrou o aplauso e compracencia da consellería Elena Múñoz. Segundo o informe de estratexia financiero-fiscal do Goberno Feijóo, as achegas serán no 2015 de 6.112 millóns de euros, 1.327 millóns menos que no ano 2008 e 1.223 menos que no 2007 e a pesar disto, a Xunta non reclama a revisión do sistema de financiamento e Feijóo invita ao Goberno central a que diga onde hai que facer os recortes para non asumir persoalmente ese custe político.
Montoro tómanos por tontos inventando unhas balanzas fiscais que resultan un insulto á intelixencia, imputa nos investimentos que benefician a Galiza a ampliación do Museo do Prado, infraestruturas en Madrid ou unha achega ás pensión contributivas que son dereitos adquiridos polos traballadores/as despois de anos de cotización.
O PP xa non cre na súa propia propaganda
Escolle un método que ignora INDITEX, CTROÉN, UNIÓN FENOSA e outras empresas con sede e centros de produción en Galiza. O Goberno central pretende ocultar que España nos leva á ruína porque os nosos impostos emigran ao igual que os recursos enerxéticos e a nosa mocidade. Os gobernos de Feijóo e Rajoy xa non cren na súa propaganda cando afirman que Galiza e España van ben.
Coa proposta de límite de gasto, dixo a conselleira de Facenda Elena Muñoz, admite o seu fracaso e non se recuperará a economía. Propoñen un teito de gasto inferior en 20 millóns de euros ao ano 2014, en realidade, con estas contas, concluíu Galiza retrocede dez anos.
Finalmente, o límite de gastos non financeiros debatido hoxe na Cámara galega foi aprobado en solitario polo Grupo maioritario do Partido popular.