Aymerich comprométese a seguir reclamando no Parlamento a devolución da totalidade dos cartos ás persoas estafadas.
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu viceportavoz, Carlos Aymerich, continúa o seu traballo do lado do colectivo de afectados e afectadas pola estafa das preferentes e trasladará ao Parlamento as súas principais demandas, nomeadamente manter a vía da arbitraxe para quen a solicite e impugnar os planes de reestructuración de NovaGalicia Banco aprobados polo Banco de España e a Comisión Europea.
Logo da visita hai uns días da deputada Carme Adán ao Rosal, Aymerich tamén se desprazou até o concello para acompañar ás persoas pechadas no salón de plenos, que reclaman unha rápida solución aos seus casos e poder recuperar os cartos investidos.
O viceportavoz parlamentar amosou a súa solidariedade con estas persoas e cos demais afectados, que tamén se están a mobilizar noutras zonas de Galiza, como en Cangas, e comprometeuse a seguir teimando no Parlamento para que se faga xustiza e se resolva unha situación que non crearon eles, senón da que son víctimas.
Proposición non de lei
Neste sentido, Aymerich informou sobre unha proposición non de lei coa que insta ao Goberno a asegurar, con todos os medios ao seu alcance, a devolución aos afectados polas preferentes, subordenadas e outros híbridos financeiros da totalidade dos cartos que lles foron estafados.
Asemade, a iniciativa do BNG tamén propón que se impugne a Lei 9/2012 de reestructuración de entidades de crédito e os Planos recién aprobados polo Banco de España e a Comisión Europea, en defensa das competencias e dos intereses dos aforradores.
Ten que facerse xustiza cun colectivo que é víctima non responsábel da estafa deste tipo de participacións e productos financeiros
O deputado nacionalista lembra que estos Planos confirman os piores prognósticos do Memorandum asinado polo goberno español coa troika o pasado mes de xullo e confirma tamén que a Xunta desiste de aplicar as súas competencias para resolver o problema do único xeito posíbel, a través da devolución dos cartos.
Responsabilidades penais
Personarse no proceso aberto através da demanda presentada pola Fiscalía e perseguir penalmente aos responsábeis da estafa son outras das demandas do BNG recollidas no texto da iniciativa.
Esta non é a primeira vez que o grupo nacionalista leva á Cámara as demandas deste colectivo, e seguirá sendo un asunto prioritario da nosa axenda de traballo mentres non chegue a solución acaída para os milleiros de galegos e galegas perxudicados pola estafa.