O BNG toma a iniciativa para evitar a desaparición da obra social de Novacaixagalicia

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acusou esta mañá a Feijóo de “ser responsábel da desaparición da obra social das caixas galegas”, uns fondos de enorme importancia para Galiza, máxime nun momento de crise.

Neste sentido, Guillerme e a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, instaron tanto ao Goberno da Xunta como ao Goberno Central a actuar para evitar a desaparición desta obra social das caixas galegas que só dende o ano 2002 investiu máis de 1.000 millóns e que no que levamos de ano beneficiou a 55.000 persoas en Galiza, só nos comedores sociais.

Olaia Fernández Davila advertiu de que “se se confirma a operación acordeón do FROB -propietario do 90% das accións- sobre o accionariado de Novagalicia Banco, e polo tanto sobre o 6,84% de capital con que contan nesa entidade as caixas galegas a través de Novacaixagalicia, esa obra social desaparecerá”.

Nestes momentos a obra social de Novacaixagalicia conta cun orzamento de 176 millóns de euros até o ano 2016 “que se vería abocado ao fracaso se se confirma a operación acordeón do FROB”, alertou Davila.

Por iso, afirmou que “o BNG defende que tanto o goberno da Xunta como o Central deben actuar para salvar a obra social das caixas galegas”.

Iniciativas no Congreso

Para iso o BNG presentou no Congreso unha proposición non de Lei que insta ao Goberno a:

-Asegurar a continuidade da participación accionarial de Novacaixagalicia en NCG Banco, acorde co valor do negocio e actividade financeira traspasados, garantindo así a pervivencia da importante obra social da caixa galega.

-Evitar que o FROB aprobe unha operación acordeón que implique a desaparición ou redución significativa da participación de Novacaixagalicia no accionariado de NCG Banco.

Ademais, Davila presentou unha pregunta para que o Goberno se pronuncie sobre a necesidade de preservar a obra social de Novacaixagalicia.

Feijóo é responsábel e non poder seguir desentendéndose

Pola súa parte, Guillerme lembrou que “o BNG ven alertando de que no marco do desastre financeiro ao que nos conduciron os gobernos de Zapatero, Rajoy e Feijóo é que se camiñaba cara a liquidación da obra social das caixas galegas”.

Un desastre financieiro dos gobernos do PP e do PSOE que “tamén supón a perda de miles de empregos, a expatriación de aforro galego, a estafa das preferentes, a perda de servizos financeiros no rural”.

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG criticou a actitude do presidente da Xunta: “Feijóo pasa de cantar vitoria sobre a fusión a manterse en silencio e desentenderse das súas responsabilidades”.

Alemaña si mantén as caixas de aforros

Guillerme aproveitou tamén para salientar que “ mentres o Estado español se dedicou a liquidar as caixas, Alemaña mantenas, territorializados, e aínda por riba resérvase a súa supervisión á marxe do Banco Central Europeo”.

A este respeito, recordou que “algúns nos ridiculizaron cando no BNG defendimos que se seguise optando por un modelo de caixas de aforros, ao servizo da economía galega, co seu centro de decisión en Galiza”.

“Pois agora resulta que un país hexemónico en Europa como Alemaña mantén as caixas de aforros, o que debería servir de reflexión ao señor Feijóo e ás forzas políticas e sindicais do noso país”, asegurou.

Guillerme concluíu reiterando que “Galiza segue precisando un instrumento financeiro que atenda as súas necesidades económicas e segue precisando dunha obra social que cobre moitas necesidades, e máxime nun momento como agora”.

 

http://youtu.be/gPA949D30Sw

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG