O BNG, con todo en contra, obten un gran resultado e repite escano coa coalicion Os Pobos Deciden

MIRANDA 1O BNG cualificou de moi positivos os resultados electorais que lle permiten repetir escano no Parlamento Europeo dentro da coalición Os Pobos Deciden, á que aporta un total de 80.000 votos, 8% do sufraxios, apenas un punto por debaixo das eleccións europeas de 2009.

Para o portavoz nacional, Xavier Vence, este resultado “é un refrendo do traballo feito polo BNG no Parlamento Europeo en defensa de Galiza ao longo destes anos”, tras recalcar o “que o resultado é especialmente meritorio”, no contexto no que se desenvolveu a campaña electoral “con todo en contra para o BNG”.

Neste sentido, subliñou “a mordaza nos medios de comunicación públicos, o intento de criminalización da coalición electoral e a estratexia dos partidos políticos estatais, -sobre todo o PP-, de darlle un perfil baixo a campaña electoral, para favorecer a abstención e non debater sobre os problemas reais do país relacionados con Europa, e menos aínda das alternativas para Europa”.

Para o portavoz nacional, quedou claro que, aínda no peor escenario, unha parte importante da cidadanía galega “confía no nacionalismo de esquerdas como opción necesaria para o país e o BNG quere ser o motor que lidere ese nacionalismo”, salientou, tras agradecer o apoio dos 80.000 galegos e galegas que confiaron no Bloque, e tras un recoñecemento expreso á entrega da militancia e dos simpatizantes ao longo de toda a campaña.

Vence tamén deixou claro que os resultados supoñen “o estourido do bipartidismo españolista do PP e do PSOE, que sae tocado e fundido, con menos do 50% dos votos emitidos no conxunto do Estado. É unha derrota en toda regra das políticas da Troika, das políticas de recortes ás que a cidadanía lles dixo basta”, explicou.

A candidata Ana Miranda ratificou o seu compromiso coa xente do común do país que volverán contar, dixo, “cunha voz amiga, cunha voz que dará a cara por eles”. Miranda fixo un emotivo recoñecemento tanto a militancia como a todos os galegos e galegas “que senten que temos Patria, que temos país que debe ter voz propia no corazón de Europa”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG