A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández , e a deputada nacionalista, Rosana Pérez , solicitaron hoxe a comparecencia do Ministro de Pesca, Miguel Arias Cañete, para que acuda á Camara a informar sobre a distribución das cotas pesqueiras acordadas onte na UE.
Un acordo raquítico, de mínimos, nefasto para a frota de baixura
Para a portavoz do BNG se trata dun acordo insuficiente e raquítico, de mínimos, por moito que o Ministro o venda como un grande triunfo. O feito de pasar dunha proposta inicial da UE totalmente destructiva para o noso sector pesqueiro, a un Acordo menos malo non significa que sexa un reparto magnífico. A distribución de cotas segue a ser inxusta para a nosa pesca.
Davila considera que en moitas especies fundamentais para a nosa frota de baixura se podía ter feito un esforzo moito mellor posto que as cotas acadadas non se corresponden co aumento do stock de peixe. Hai máis peixe pero vemos como as cotas de xurelo e xarda baixan. Sen esquecer que o rape descende nun 25%.
As comarcas costeiras galegas dependen destas frotas
As deputadas do BNG afirman que a frota de baixura, básica para a economía das comarcas galegas, a que fixa poboación, dinamiza a actividade económica en comarcas ribeireñas e crea emprego directo e indirecto, segue a ser a grande esquecida. Nen a UE nen o Goberno español se preocupan pola viabilidade futura deste sector pesqueiro de tanta importanza na Galiza.
A portavoz nacionalista subliña que Cañete quere que creamos nos Reis Magos da pesca pero non existen. A frota de baixura é a grande esquecida no reparto de cotas, e o Ministro non ten moitos logros que exhibir para este relevante sector pesqueiro. Especialmente, no Cantábrico e Noroeste onde tiraron a toalla na xestión do recursos pesqueiros das especies suxeitas a TAC´s e cotas pola falla de cotas, pero tamén porque é evidente que hai unha estratexia de abandono da frota de baixura. Por iso, nos explicamos que lograran un aprazamento do desguace até o ano 2019. Mentras tanto, e como parte desa estratexia de ir morrendo pouco a pouco, reparten unhas cotas que son públicas, de todos, en capital privado coas Cotas Individuais Transferíbeis (CIT).
Para as deputadas do BNG estamos ante o claro desmantelamento da pesca de baixura no Cantábrico e Noroeste.
Neste sentido, demandaron ao Ministro de Pesca que atenda canto antes a solicitude de reunión que lle pediron hai un ano as organizacións de baixura de Galiza e do Cantábrico debido aos problemas para regular as campañas de xarda, anchoa e xurelo. Xa é hora de que os reciba, Señor Ministro, e atenda os seus problemas.