O BNG rende Homenaxe a Rosalía no Parlamento galego

O Grupo parlamentario elixiu a Biblioteca da institución para lembrar a poeta e feminista galega no 178 aniversario do seu nacemento

Grupo parlamentario do BNG, Homenaxe a Rosalía

O Grupo parlamentario do BNG sumouse hoxe á celebración do 178 aniversario do nacemento da poeta, escritora e feminista galega máis importante do século XIX, Rosalía de Castro nun acto na biblioteca do Parlamento galega, minutos antes do comezo a sesión plenaria na que o BNG reclamará o “uso civil” do Panteón de Ilustres galegos e unha rectificación do Goberno de Feijóo da política lingüística que está a provocar “unha sangría” de galegofalantes e a desaparición do galego en todos os ámbitos, sobre todo no ensino.

A portavoz de Política Lingüística do BNG, Ana Pontón manifestou que o BNG pedirá restituír o “carácter público” do Panteón de Ilustres galegos para que Rosalía, Castelao e os que alí están soterrados non segan sendo “posesión da Igrexa Católica”.

 Poeta, escritora e precursora feminista

Asemade lembrou que no día de Rosalía, o BNG quere render unha homenaxe simbólica á poeta e escritora fundacional da literatura galega e salientou a súa mensaxe, “máis presente que nunca” na loita contra o apartheid ao que está sometida “a nosa lingua”1

Un dos principais valores de Rosalía, dixo, foi restituír a escrita en lingua galega e vemos como moito tempo despois , o galego vive unha situación desfavorábel porque temos un Goberno situado no “inmobilismo” e cunha política antigalega e que nos leva a “extinción”.

O Goberno de Feijóo, reiterou é o goberno que máis dano leva feito ao noso idioma e por iso reclamamos de maneira urxente “unha rectificación” da política lingüística que conduce o uso do galego á desaparición. Xa non nos valen “ as declaracións de intencións, os xogos de palabras ou o cinismo e hipocrisía do Goberno”. Urxe adoptar medidas para que o uso do galego sexa unha realidade no ensino, nos medios de comunicación na xustiza e en todos os ámbitos sociais.

"Estamos no momento de protexer a lingua que nos une", concluíu Ana Pontón.

O grupo parlamentario mantivo nos escanos unha flor de lirio e un exemplar de Cantares Gallegos ademais de vestir unha camiseta coa faciana de Rosalía.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG