Para o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a aprobación da norma revela a forma despótica e soberbia de gobernar do PP e Feijóo.O BNG pedirá que a FEGAMP se pronuncie contra o regulamento que vulnera o respecto á Autonomía local
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence asegurou que a reforma unilateral da Xunta para a xestión do lixo a través dun decreto que modifica o marco das relacións entre os concellos e SOGAMA e o seu socio Gas Natural-Fenosa representa un ataque por dúas vías ao restar autonomía municipal e obrigar aos concellos a adherirse a unha norma da que non foron consultados.
Vence asegurou que nova norma impón aos concellos unhas condicións leoninas obrigándoos a adherirse a este modelo nun prazo de dous meses e por un prazo mínimo de cinco anos sen ofrecer ningunha outra opción.
Una decisión da Xunta e Feijóo, dixo que pretende parar o proceso iniciado polos concellos do BNG que defenden outras alternativas a SOGAMA,un modelo por outra parte, insostible, caro e con efecto nocivos para o medio ambiente e as persoas.
O BNG rexeita o modelo insostible e caduco de SOGAMA
Vence cualificou de despótica e soberbia a forma de gobernar do Goberno galego e de Núñez Feijóo co única intención de xustificar a súa submisión aos intereses de Gas Natural-Fenosa. Ningunea os concellos e veciñ@s e protexe, ampara e lexisla a favor dos fortes, afirmou.
O portavoz do BNG acompañado da deputada Ana Pontón, os alcaldes de San Sadurniño e Riotorto, lembrou a oposición do BNG ao taxazo de SOGAMA ao que agora se suma un decreto que impide os concellos negociar novas condicións. Ademais, a Xunta pretende retirar dos fondos de Cooperación Local as facturas non abonadas en protesta pola taxa do 34% polo que anunciou que pedirá un claro pronunciamento da FEGAMP contra este regulamento.
Con este decreto, remarcou, a Xunta asesta dous golpes aos concellos, impón un regulamento que favorece a SOGAMA e Gas Natural e deduce dos fondos de Cooperación local as facturas non pagadas a SOGAMA cando segue pendente a resolución xudicial dos recursos presentados polos concellos contra o taxazo.
Os concellos do BNG non mudarán a súa postura
Pola súa parte, Secundino García, alcalde de San Sadurniño explicou que o venres os concellos que se negaron a dobregarse recibiron unha moi mala noticia, ao modificar a Xunta unilateralmente todos os contratos con SOGAMA nos que pactamos unhas condicións especiais que xa foron modificadas o ano pasado co incremento do prezo do tratamento do lixo nun 34%. Houbo concellos, explicou, que se se negaron a esta taxa e devolveron as facturas e continuamos a espera do pronunciamento dos tribunais. De todos xeitos, recalcou, seguiremos ata o final na nosa postura.
Nós, seguiremos defendendo os intereses da xente e os alcaldes do BNG continuaremos preiteando con SOGAMA para defender o que consideramos xusto.
O Goberno rompe as regras de xogo
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón anunciou que o grupo parlamentario pedirá na Cámara galega a retirada do decreto e ademais tamén responsabilidades á actual conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez.
Pontón explicou que o pasado venres era publicado un Decreto no que a Xunta mudaba de maneira unilateral as condicións de adhesión dos concellos a SOGAMA, un Decreto ilegal que non respecta a autonomía local e incumpre a xerarquía no tratamento de residuos establecida por Lei.
Neste sentido asegurou que modelo de SOGAMA incumpre a lei sobre a prohibición de depósitos de residuos como os que deposita en Areosa sen ningún tipo de tratamento. Lendo o Decreto, engadiu, a Xunta non amosa vontade algunha para modificar esta situación.
Para o BNG, afirmou, a incineración é a última das opcións e a Xunta debería colaborar cos concellos na procura doutras alternativas.
A nacionalista censurou que o Goberno galego só aposte por queimar o lixo a pesar do custe que este sistema provoca no medio ambiente e na saúde das persoas.