A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha iniciativa parlamentar no Congreso na que demanda a Fomento que non suba os billetes de trens de media distancia e cercanías en xaneiro de 2013.
A deputada do BNG alude á decisión de Renfe de aumentar nun 3% os billetes de trens de cercanías e de media distancia ou rexionais. Un aumento que se aplicará a partir de xaneiro de 2013. Uns incrementos que se suman á suba do IVE que se aplicou en setembro, co cal, os billetes de trens están encarecendo de maneira significativa.
Rosana Pérez destaca que Galiza é das poucas CC.AA que non conta cunha rede ferroviaria de cercanías a pesar de ter máis poboación que outros territorios que desfrutan de servizos de cercanías. En cambio, preocupa o que poida suceder cos denominados trens rexionais ou de media distancia. Non só no relativo ao incremento dos prezos dos billetes de tren posto que é unha medida disuasoria para aumentar o número de viaxeiros e apostar polo transporte público colectivo, pero tamén preocupan as previsións do Ministerio de Fomento para este tipo de trens en Galiza.
A deputada do BNG lembra que está pendente que o Consello de Ministros aprobe a reorganización dos servizos ferroviarios de media distancia. Preocupa seriamente a intención do Goberno de eliminar da obriga de servizo público aos trens que so sexan eficientes desde o plano económico.
O desmantelamento de servizos non é o camiño
Para Rosana Pérez isto supón a porta de entrada para o desmantelamento de servizos ferroviarios que en Comunidades como Galiza se deberían potenciar e impulsar ao carecer dunha rede de cercanías. Ademáis, resulta máis que discutíbel o criterio da eficiencia económica cando se ofrecen servizos obsoletos, con tempos de viaxe nada competitivos e que fan fuxir aos potenciais usuarios. Por iso quer saber que previsións manexa o Ministerio en relación aos servizos ferroviarios de media distancia na Galiza e se vai suprimir servizos. De ser así, casi? Non se deberían plantexar alternativas como a mellora dos rexionais para aumentar o número de usuarios en lugar de eliminar servizos?.
A parlamentar nacionalista considera que dada a complicada situación económica non se deberían aprobar subas de ningún tipo nos billetes de tren. O que o Goberno deberia estudar desde unha perspectiva global a situación dos servizos de media distancia, especialmente nos territorios que non teñen servizos de cercanías como Galiza.