A responsábel de propaganda, Montse Prado e a secretaria de Acción Feminista do BNG, Saleta Chao presentan unha campaña baixo o lema Abre os cadeados. Quen te quere non te amarra con motivo da celebración do Día Internacional contra a violencia de xénero, no vindeiro 25 de novembro
A deputada e responsábel de propaganda, Montse Prado e a secretaria de Acción Feminista, Saleta Chao presentaron hoxe, ante os medios de comunicación, a campaña do BNG contra a violencia de xénero ante a celebración do Día Internacional contra a violencia machista o vindeiro 25 de novembro.
Prado salientou que a escolla do lema Rompendo cadeados. Quen te amarra non te quere ten a ver coa moda de moitos namorados e namoradas de prender nas pontes cadeados simulando o amor. Para a responsábel de propaganda, esta simboloxía semella o control e falta de liberdade que algúns homes queren impoñer a súa parella.
Montse Prado, tras criticar as altas cifras de vítimas da violencia machista e comportamentos que a perpetúan asegurou que violencia contra as mulleres non só é a referida a golpes, hai patróns de conduta, dixo, que deben ser erradicados e debemos permanecer moi atentas porque están normalizados na nosa vida diaria.
As tiras gráficas do BNG denunciando micromachismos serán distribuídas nas redes sociais
Prado explicou que os elementos gráficos da campaña do BNG recollen cadeados, un cartaz e diferentes viñetas da autora, Ticiana que denuncian o control, a dependencia e a submisión baixo símbolos que que pretenden representar o amor eterno e romántico. Dende o BNG, manifestou, consideramos que o amor non precisa de cadeados e por iso propoñemos rompelos.
Por outra parte,engadiu, as viñetas recollen escenas cotiáns dunha parella na que a autora denuncia o control sobre a muller. Prado recalcou que este control dáse sobre todo nas parellas de xente máis nova e a través dos soportes como o teléfono móbil, a tablet, ou internet que son dispositivos utilizados como armas para acosar, chantaxear ou extorsinar as mulleres e parellas
A responsábel de propaganda do BNG salientou que baixo o pretexto de non debe haber segredos entre nós as parellas masculinas exercen o control para saber onde se atopa a súa compañeira, con quen sae e onde está. Prado apelou de novo ao dereito de liberdade e animou ás mulleres a romper tamén con ese cadeado.
O machismo está naturalizado sobre todo na xente moza
Pola súa parte, Saleta Chao, Secretaria de Acción Feminista do BNG, recalcou que as medidas contra a violencia de xénero deben ser unha prioridade política para o Goberno galego polo que reclamou desenvolver a Lei galega de tratamento e prevención da violencia machista ademais de implantar medidas especificas de concienciación social para rematar coas desigualdades que condenan ás mulleres a seren agredidas.
Chao denunciou que o machismo está naturalizado sobre todo na xente moza, de aí que o BNG poña o acento nesta campaña naqueles aspectos nos que o machismo se manifesta en todos os ámbitos da vida das mulleres. Actitudes que nos sitúan como suxeitos sen autonomía, nos anulan e cuestionan deben ser rexeitadas e por iso a nosa campaña pretende identificar comportamentos que non somos quen de nomear.
O BNG reclama que as institucións cumpran a medidas recollidas na táboa reivindicativa contra a violencia de xénero
Esta campaña, explicou percorrerá Galiza con diferentes actos, conferencias e coloquios e vai acompañada de reclamacións nos concellos galegos e Parlamento esixindo que se cumpran medidas reflectidas na táboa reivindicativa rexistrada o 9 de setembro entre as que destacou: Un plan xeral de coeducación, desenvolver unha formación específica para o profesorado baixo a perspectiva de xénero, dotar economicamente ás mulleres vítimas de violencia durante todo o ano para posibilitar a súa independencia real, dotar os xulgados con especialidade de violencia de xénero, incluír a persoas menores e persoas ao seu cargo como vítimas da violencia machista, apoio ao asociacionismo feminino e rede de mulleres contra os malos tratos, un plan de formación para o persoal sanitario e que o presidente da Xunta cumpra a súa promesa sobre o plan feminino de emprego prioritario para as mulleres vítimas de violencia machista.
Saleta Chau concluíu a súa intervención demandando que se cumpra a lei contra a publicidade sexista e que todas as forzas políticas sexan exemplares na loita contra a violencia de xénero.