O BNG considera que a operación Felipe é a tentativa de tapar a crise política e institucional cun lavado de cara que permita manter en pé un réxime herdado do franquismo, agora en descomposición, que non foi capaz de resolver o reto da plurinacionalidade do Estado español.
Neste contexto, a formación nacionalista considera que a proposta non pode limitarse a mudar monarquía por república, senón camiñar a un novo proceso constituínte non que se recoñeza o dereito das nacións a decidir.
Non podemos caer na simplificación que fan sectores da dereita e da esquerda españolas reducindo o dilema a un referendo sobre monarquía ou república, explica o portavoz nacional, Xavier Vence, porque o problema para o BNG é a configuración territorial do Estado, no que a solución pasa por abrir un novo proceso constituínte que rompa coa actual centralización e recoñeza o dereito das nacións a decidir, o dereito de Galiza a construír a república galega.
Por iso, explicou, o BNG quere levantar unha proposta en clave galega, porque Galiza precisa pór encima da mesa as súas necesidades específicas acordes coa súa realidade, o que motivou a iniciativa do Bloque, -adoptada na Executiva nacional do pasado luns-, de contactar con todas as forzas políticas que operan en Galiza que cuestionan o actual marco constitucional.
Anova, EU, CxG, Espazo Ecogaleguista, Nós-UP, Causa Galiza, PCPG convocados polo BNG mantiveron dúas reunións esta semana co obxectivo de conformar unha mesa galega de partidos para abrir unha axenda galega sobre uns acordos mínimos que servisen de confluencia arredor do lema Galiza pola república e polo dereito a decidir das nacións.
Non foi posible un acordo de mínimos polo obstrucionismo de EU, que tiña como única prioridade a dinámica estatal de IU e que só asumía como lema o lanzado polo seu holding desde Madrid, e pola actitude seguidista de Anova, lamentou Vence.
En calquera caso, o BNG non renuncia a que poda acadarse unha ampla convocatoria unitaria a nivel galego, como pensamos demanda a cidadanía que estes días se manifesta por todo o país, explica o portavoz nacional, quen anunciou unha batería de actos e mobilizacións en convocatoria aberta a todas as forza políticas, plataformas e movementos sociais, sindicais e ao conxunto da cidadanía.
Calendario mobilizacións
A primeira, mañá mesmo as 12:00 horas un acto simbólico ao redor do Parlamento galego para reforzar a democratización da nosa principal institución. O BNG tamén participará nas concentracións convocadas pola tarde acompañando á cidadanía.
Na semana próxima de debate do proxecto de lei orgánica de abdicación do Rei, o BNG convoca o martes día dez ás 20:00 horas actos en diferentes vilas e cidades do país que, por exemplo, no caso de Santiago, será unha asemblea aberta ao debate. O mércores, o Bloque defenderá no Congreso unha emenda á totalidade ao texto enviado ás Cortes polo Goberno de Rajoy.
Dentro deste calendario de actos, o xoves 19, coincidindo coa data prevista para a coroación, o BNG promove coas forzas nacionalistas de esquerda de Euskadi e Catalunya, -Bildu, ERC e CUP-, concentracións nos respectivos territorios a favor do dereito a decidir das nacións.
A crise institucional non se arranxa coa abdicación, nin tampouco cun mero cambio na forma do Estado ou da xefatura do Estado. É dicir, a solución vai máis aló da reivindicación dun referendo monarquía ou república, ten que dar lugar a un marco constitucional onde se recoñeza o dereito das nacións como Galiza a decidir, concluíu Vence.