O BNG presenta un escrito en Fiscalía para investigar a venda de Novagalicia Banco

Xavier Vence comparece ante os medios de comunicación nos Xulgados

Xavier Vence argumenta presunto delito de prevaricación e malversación de fundos públicos na venda “anticipada e pouco transparente” da entidade financeira galega

O Fiscal recolle o escrito presentado polo BNG nos Xulgados de Santiago de Compostela

Tal e como anunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, a pasada semana, o BNG ven de presentar un escrito nos Xulgados de Santiago de Compostela dirixido á Fiscalía Anticorrupción para iniciar a investigación do proceso de venda de Novagalicia Banco por entender que estamos ante un presunto delito de prevaricación e malversación de fondos públicos.

O portavoz nacionalista que compareceu ante os medios de comunicación tras o rexistro do documento, explicou que a venda apresurada de Novagalicia Banco, a pesar do prazo marcado pola UE no 2017, vai contra os intereses dos contribuíntes que colaboraron para sanear a entidade. Por outra parte, o prezo fixado en 1.000 millóns de euros, dixo, tampouco se corresponde coa cantidade aportada por tod@s os cidadáns para reflotar a entidade galega.

O BNG denuncia a perda de 9.000 millóns de euros de tod@s os contribuíntes e a liquidación do sistema financeiro galego

O BNG rexistra o escrito na Fiscalía

Para o voceiro do BNG, “máis de 9.000 millóns de euros de recursos públicos foron estragados” pola xestión neglixente do Banco de España, o FROB e o Ministerio de Economía nun proceso de venda “pouco transparente e anticipado” que impediu que a entidade continuara de maneira independente ao servizo da economía galega.

Xavier Vence responsabilizou ao Goberno central e ao ministro de Economía, Luís de Guindos de manter como independente a Bankia a pesar de ter soterrado 25.000 millóns de euros e liquidar de forma anticipada Novagalicia Banco.

Na venda de Novagalicia Banco existen fundadas “sospeitas” de malversación de fundos públicos.

O portavoz do BNG reiterou que a denuncia do BNG vai dirixida contra “os vendedores da entidade” e os responsables da aceleración deste proceso, Luis de Guindos, o Banco de España e o FROB e insistiu que o escrito nacionalista en ningún momento vai dirixido “contra os compradores” da entidade.

Vence considerou que a Fiscalía debe investigar a fondo a venda de Novagalicia Banco, unha venda que cualificou de innecesaria por existir condicións suficientes para a súa continuidade como entidade independente para o futuro do noso país.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG