Francisco Jorquera cualifica de intolerábel o trato dos corpos de seguridade a alcaldes, deputados e deputadas e o uso desproporcionado das forzas de seguridade contra os mariñeiros do cerco
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera anunciou hoxe, tras a Xunta de portavoces, a petición de amparo á Mesa do Parlamento ante o trato dispensado a alcaldes, deputados e deputadas e representantes políticos que se estaban a manifestar pacificamente contra o canon de SOGAMA así como a agresión sufrida por unha parlamentaria do BNG por internar mediar para evitar o uso desproporcionado da forza nunha detención.
Asemade, o deputado lembrou que o BNG pedirá a orde pola que se impediu que o Portavoz nacional, Xavier Vence puidese acceder, acompañado por deputados, a unha sala na que se atopaban os representantes do cerco no Parlamento galego.
O BNG presenta dous escritos de amparo á Mesa do Parlamento ante a violencia contra os alcaldes, deputad@s e cargos institucionais
Nos documentos remitidos ao órgano do Cámara solicita investigar os feitos, depurar responsabilidades e adoptar medidas para que non se reproduzan no futuro. Jorquera informou do rexistro dunha proposición non de lei instando ao goberno a expresar a reprobación de Juárez e a petición do seu cese ante o Goberno central.
Por outra parte, abondou na negativa do delegado do Goberno para que compareceran na Comisión de estudo de seguridade viaria os máximos responsábeis de Garda Civil de Tráfico, un motivo máis, dixo, para pedir a súa reprobación.
Infundios e manipulación do SUP contra unha deputada do BNG
A preguntas dos xornalista sobre as acusacións do Sindicato Unificado da Policía cualificando de hooligans aos deputados do BNG e á parlamentaria Montse Prado de colarse nun centro sanitario para acceder a un parte de lesións tras a brutal carga policial aos mariñeiros do cerco no exterior do Parlamento, o portavoz nacionalista afirmou que resulta improcedente que un sindicato realice valoracións políticas e pronuncie infundios a respecto da deputada Monserrat Prado, faltan a verdade coa única intención de manipular o acontecido.
A deputada do BNG, explicou Jorquera acudiu ao servizo médico do Parlamento para ser examinada das lesións producidas nunha perna na carga policial e foi informada polo servizo médicos da Cámara de que carecía dos escritos pertinentes de parte de lesións polo que foi remitida a un centro sanitario.
Foron os propios servizos médicos os que derivaron á deputada a clínica A Rosaleda poñéndose en contacto co centro para iniciar os trámites do parte de lesións, polo tanto, o que afirma o Sindicato Unificado da Policía é unha burda manipulación, afirmou.
Debates da vindeira sesión plenaria
Jorquera avanzou que o BNG defenderá unha Proposición de Lei para crear o Instituto de Crédito e Investimento como proposta chave para a economía galega.
Preguntaremos a Feijóo cando pensa defender os intereses galegos ante o Goberno central sobre o reparto das cotas da xarda e a reforma fiscal, os problemas derivados do encauzamento dos ríos Sarria e Celeiro, a situación do 061 coa modificación deste servizo de apoio á mobilidade, o custo real da exposición Gallaecia Pétrea e a progresiva privatización da sanidade pública galega tamén formarán parte dos debates da orde do día da vindeira sesión plenaria.