O BNG pide a derrogación imediata do decretazo antigalego após a sentenza do TSXG

Ante a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula dous artigos do mal chamado Decreto do Plurilingüismo –o Decretazo contra a lingua galega- o portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, quer facer as seguintes consideracións:

1.-En primeiro lugar, é unha moi boa noticia para a lingua galega que o TSXG dea a razón ás entidades recorrentes –a CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística, a plataforma Queremos Galego, da que fai parte o BNG- e anule artigos básicos do Decretazo antigalego.

O Tribunal dá a razón aos que queremos galego, aos que defendimos a nosa lingua dos ataques da Xunta de Feijóo, aos que o fixemos apresentándomos un recurso xudicial e aos que o fixemos tamén tomando civicamente as rúas durante estes anos en que se produciron as manifestacións máis masivas da historia en defensa da lingua galega.

2.-O BNG demanda a inmediata derrogación do Decreto do Plurilingüismo e o censamento do conselleiro de Educación en funcións. O Goberno Feijóo debe asumir responsabilidades pola súa política agresiva contra a lingua galega, agora sancionada tamén polo poder xudicial.

3.-O BNG demanda que se abra o proceso conducente a unha nova lexislación do uso do galego no ensino que coloque a nosa lingua en pé de igualdade co español nas aulas de Galiza.

O PP debe retornar ao consenso que existiu cando o Parlamento Galego aprobou o Plano de Normalización Lingüística, consenso que rachou unilateralmente ao aprobar a primeira lexislación da historia do país que supuña un paso atrás no estatus da nosa lingua nas aulas.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG