A deputada, Carme Adán afirma que xa non chegan as palabras para rematar coa violencia contra as mulleres, hai que poñer en marcha medidas efectivas e cartos en riba da mesa para levalas a bo termo
A portavoz de Igualdade do BNG, Carme Adán anunciou hoxe, ante os medios de comunicación que o Grupo parlamentario nacionalista presentará un escrito na Cámara galega esixindo a reunión urxente da Comisión de Igualdade ante os casos de violencia contra as mulleres rexistrados nas últimas horas en Galiza.
Tras lamentar os últimos casos de violencia machista rexistrados nas últimas horas, a deputada que comparecía para presentar unha Proposición non de lei contra os recortes da Lei de Dependencia dedicou gran parte da súa intervención a denunciar a situación de violencia verbal e física contra as mulleres. Sabemos que que a violencia non remata de un día para outro pero non podemos permanecer inmóbeis ante o que está pasando, afirmou.
Hipócrita discurso do PP que condena a violencia machista e aplica medidas que fomentan a desigualdade
Adán criticou o dobre discurso do Partido popular por condenar a violencia machista a par que fomenta a desigualdade. Neste sentido, explicou que a segregación de alumnos por razón de sexo, os recortes en dependencia e educación, o debate da reforma da lei do aborto, a diminución de orzamentos para políticas de igualdade, redución de traballadores/as sociais, atención psicolóxica e paralización de programas destinados a maltratadores, inciden moi negativamente na loita contra a violencia machista.
A deputada reclama a reunión da Comisión de Igualdade e un plan de medidas urxentes entre as que destacou: desenvolver as leis que existen para combater a violencia de xénero.
Non podemos tolerar máis declaracións e bromas machistas
Para a deputada, a educación resulta indispensábel para a igualdade e animou a non tolerar máis declaracións machistas porque ese tipo de frases, dixo, non son bromas nin están descontextualizadas, callan na sociedade e despois son reproducidas.
Adán lamentou que no recente encontro entre Rajoy e Merkel en Compostela non figurara na axenda implementar medidas eficaces contra a violencia ás mulleres dándolle prioridade a resolver o futuro do exministro Arias Cañete, un machista que está pelexando por ser comisario. Ningunha declaración machista ou racista debe pasar desapercibida, sentenciou.
O BNG esixe políticas efectivas e menos lamentacións
A parlamentaria do BNG rexeitou que o aumento de asasinatos de mulleres teña que ver co color político dun partido máis asegurou que cando un Goberno non acredita na Igualdade e non fai o traballo, os caos de violencia de xénero medran.
Adán advertiu que calquera recorte relacionado coa dependencia repercute nas mulleres e reiterou que subvencionar a segregación nos centros educativos transmiten a idea de que nenos e nenas son diferentes.
Adán pide un cambio de orientación informativa nos medios de comunicación
Finalmente, a deputada tamén se referiu ao importante papel dos medios de comunicación e lembrou que o propio Colexio de Xornalistas de Galiza abordou esta cuestión na Comisión de Igualdade a través dun informe. É necesario, dixo, fuxir do sensacionalismo e non focalizar a información sobre a vítima. A noticia, a xuízo da parlamentaria, debe ser aséptica e focalizada no agresor.
Adan rematou a súa intervención animando aos homes a dar un paso adiante e comprometerse coa igualdade.