O BNG pide os contratos e subvencións da Xunta coas empresas de Marcial Dorado

Francisco Jorquera insta á Xunta a “remitir de inmediato á Fiscalía” copia da documentación e facturas coas empresas participadas de Marcial Dorado para determinar se existen “indicios de delito”.

O portavoz do grupo parlamentario do BNG,Francisco Jorquera anunciou que o BNG esixirá á Xunta “a relación de subvencións e contratos” coas empresas participadas por Marcial Dorado.

Ademais, o BNG instará ao Goberno galego a que “remita de inmediato á Fiscalía” a documentación e facturas para que determine “se observa indicios de delitos”.

O portavoz do BNG compareceu ante os medios de comunicación para valorar o debate no Parlamento galego sobre a relación do Presidente da Xunta co “capo da mafia” Marcial Dorado.Neste sentido, anunciou a presentación dunha interpelación a Núñez Feijóo para que responda ás cuestións que quedaron sen responder na súa comparecencia.

Para o BNG, dixo, Feijóo incorreu en “contradicións” ao negar, ata o día do debate, que as empresas de Marcial Dorado foran beneficiadas con subvencións pero na súa comparecencia, “admitiuno intentado usalo contra a oposición”, en aras da transparencia, manifestou, a Xunta debe aportar toda a documentación requirida para que sexa examinada pola Fiscalía.

Jorquera engadiu que o BNG preguntará a Feijóo sobre a persoa ou persoas que “pretendían amedrentalo, cantas viaxes realizou con Marcial Dorado, a que lugares e quén os pagou”.

Hoxe temos máis motivos para pedir que Feijóo dimita

O portavoz do grupo parlamentario afirmou que “para o BNG, hoxe hai máis motivos que onte para demandar a dimisión de Feijóo” e cualificou de “comportamento vergonzoso e falta de respecto ao Parlamento” a intervención do Presidente da Xunta na Cámara galega.

Esa intervención, engadiu, “foi un atentado á credibilidade e a democracia así como unha nova mostra da covardía política de Feijóo”. Ao xuízo do nacionalista, o Presidente da Xunta tentou erixirse en “vítima” e ocultarse detrás da “propaganda” para xustificar o “inxustificable.

Jorquera considerou que as explicacións de Feijóo sobre a súa “estreita relación” con Marcial Dorado supoñen “lexitimar o contrabando que un delito”, como a evasión fiscal ou o branqueo de cartos.

Finalmente, o deputado do BNG denunciou “a manipulación informativa” da radio e Televisión públicas ao non retransmitir en directo o debate e censurou a “falta de equidade nos informativos”. Jorquera anunciou que o BNG xa rexistrou unha Proposición non de lei para denunciar esta “manipulación”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG