O BNG pide que cese o Valedor por vulnerar a súa imparcialidade con Feijóo

Comparecencia de Tereixa Paz

Tereixa Paz denuncia que o “Valedor do Pobo converteuse en Valedor de Feijóo”

A portavoz de Política institucional do BNG, Tereixa Paz compareceu hoxe ante os medios de comunicación para denunciar as declaracións e xuízo do Valedor do Pobo ante as informacións e fotos publicadas nun medio de comunicación nas que o Presidente da Xunta aparecía acompañado do narcotraficante Marcial Dorado nun iate.

A deputada explicou que o BNG presentou dúas iniciativas coa finalidade de solicitar o “cese do actual Valedor do Pobo”, José Julio Fernández por considerar que as súas competencias como comisionado do Parlamento galego céntranse “na defensa dos dereitos fundamentais, defensa pública da cidadanía e tutela dos dereitos individuais e colectivos fronte á administración pública”.

O Valedor do Pobo “máximo valedor de Feijóo”

A súa función é, polo tanto, “a legalidade e o cumprimento da mesma” pero o Valedor do Pobo   realizou unhas declaracións “posicionandose claramente en defensa do Presidente da Xunta ante as fotografías co narcotraficante Marcial Dorado”, afirmando que “poderían vulnerar o dereito á intimidade do Presidente da Xunta e carecerer de interese informativo”.

Para a deputada as declaracións, de José Julio Fernández “faltan a súa obriga de manter a imparcialidade ao mediar a favor do Presidente da Xunta excedendo as competencias do seu cargo”.

 O BNG pide o apoio dos grupos parlamentarios para cesar ao Valedor

Ante a actuación do Valedor do Pobo, Tereixa Paz reiterou que o BNG pedirá o seu cese e solicitou o apoio do resto dos grupos parlamentares á iniciativa nacionalista porque, na súa opinión, resulta “imprescindible” un apoio unánime contra un tipo de proceder no que “O Valedor do Pobo se converteu no Valedor exclusivo do Sr. Núñez Feijóo”.

A nacionalista tamén se referiu ao trámite de petición do ceso ante a Mesa do Parlamento do que dixo, “a nosa iniciativa non será debatida no vindeiro pleno por mor da negativa do Partido popular a incluíla na orde do día” e denunciou que o grupo conservador maioritario na Cámara galega “instrumentalice as institucións” ao seu servizo e impida que no Parlamento galego teña lugar un debate co telón de fondo das “amizades perigosas do Presidente da Xunta”.

 A Mesa do Parlamento cualifica de “ilexítima” a Tereixa Paz

Tereixa Paz cualificou de “subversión da democracia” a negativa da Mesa do Parlamento impedindo o debate para cesar ao Valedor do Pobo e mencionou o escrito remitido tamén á Comisión de peticións para formular no Pleno a proposta de cese pero a Mesa impediu esta petición aducindo “a falta de lexitimación dunha deputada, neste caso eu, para facer tal petición”, manisfestou.

A parlamentaria lembrou que hai un ano o BNG presentou un escrito “idéntico” e coa mesma formulación agás nas causas, e este escrito si foi admitido a tramite.

Paz concluíu a súa intervención asegurando que o Valedor do Pobo “permanece en funcións” dende hai un ano porque o Partido popular empeñase en manter ao vicevaledor como Valedor. O BNG, reiterou seguirá solicitando o seu cese e que se cumpra a lei nesta institución.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG