Vence anuncia a "reprobación" de Samuel Juárez e estudar medidas legais por calumnias contra as manifestacións do delegado do Goberno
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence compareceu ante os medios de comunicación , en sede parlamentar, acompañado de Francisco Jorquera, portavoz do grupo parlamentario nacionalista ao fin de valorar as recentes declaracións do delegado do Goberno Samuel Juárez contra esta forza política e a apertura de expedinte gubernativo a Jorquera por participar nas mobilizacións contra o desafiuzamento de Aurelia Rey.
Vence afirmou que o BNG non se vai deixar dobregar ante a estratexia dunha dereita que pretende substituír á política pola policía tentando criminalizar á oposición que está a facer o seu labor de canalización do desconto social contra as políticas da dereita.
Para o portavoz nacionalista, o delegado do Goberno Samuel Juárez utiliza a entrevista publicada nun medio de comunicación para distraer os verdadeiros problemas do país criminalizando ao BNG con afirmacións improcedentes e irresponsables que bordean o legal.
Vence anunciou que o Bloque Nacionalista Galego pedirá a reprobación de Juárez no Parlamento de Galiza e Congreso dos deputados e valorará emprender medidas xudiciais ás calumnias proferidas polo delegado do Goberno.
Vence e Jorquera denuncian a estratexia da dereita en Galiza e o Estado
O voceiro do BNG manifestou que a dereita está a crear en Galiza, un ambiente político embarrado tentando substituír a política pola policía e o debate democrático por argumentos gobernativos na dirección oposta a un labor responsable de Goberno.
Queren, engadiu, amedrentar aos cidadáns e meter medo aos colectivos afectados por políticas sociais da troika, que o PP aplica en Galiza e no Estado.
Neste sentido, explicou que se esta a multar aos participantes dos diferentes movementos sociais contra as preferentes e subordinadas, desafiuzamentos, etc... con membros das plataformas denunciados e apercibidos de multas de maneira abusiva.
O PP segue embarrando o debate e plantexando a redución do espazo democrático do Parlamento galego. Estratexia, dixo destinada a tapar os verdadeiros problemas de Galiza creados polas políticas económicas do Partido popular.
O BNG amosa o seu apoio a Francisco Jorquera e resto dos expedientados
Pola súa parte, o portavoz do g.p do BNG, Francisco Jorquera mostrouse novamente orgulloso de ter participado nunha mobilización que impediu o desafiuzamento dunha anciá na cidade da Coruña.
Ao igual que Vence, Jorquera reiterou que Samuel Juárez pretende amedrentar ao BNG e meter medo aos cidadáns para que non protesten na rúa contra as políticas do Partido popular.
Francisco Jorquera cualificou de manipulación política a intención do delegado do Goberno á hora de explicar os feitos contra o desafiuzamento de Aurelia Rey.
Neste sentido, asegurou que a convocatoria de Stop-Desafiuzamentos, plataforma que desde o BNG, dixo, merece todo o noso apoio congregou a centos de cidadáns e cargos públicos apoiando un exercicio de desobediencia civil e resistencia pacífica, conceptos popularizados por Gandhi e Martin Luther King, que o Sr. Juárez, criticou, traduce en violencia duns bárbaros.
Jorquera coincidiu co portavoz nacional en que a intención de Juárez non é outra que tentar que o BNG non se implique nas loitas sociais e respostas ás políticas do Partido popular cousa, sentenciou, non vai conseguir, concluíu.