O BNG non espera "absolutamente nada" da reunión entre Feijoo e Rajoy

Francisco Jorquera asegura que Feijoo carece da actitude necesaria para defender Galiza e na reunión con Rajoy amosará a súa “absoluta obediencia a Génova”.

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera afirmou hoxe que, “o BNG non espera nada da reunión entre Rajoy e Feijoo” porque o Presidente da Xunta “carece da actitude necesaria” para defender a Galiza en cuestións fundamentais derivadas da política estatal e que afectan moi negativamente aos sectores produtivos galegos entre os que destacou: o sector naval, dotar aos estaleiros públicos dun dique flotante, no sector pesqueiro e sobre un financiamento insuficiente para Galiza.

O portavoz do grupo parlamentario nacionalista na súa comparecencia ante os medios de comunicación, tamén criticou a “invasión de competencias” por parte do Goberno central e unha reforma da Administración Local claramente “centralizadora”, cuestión que Feijoo non porá enriba da mesa, dixo, pola súa “obediencia á rúa Génova”.

Para o deputado do BNG, Feijoo actúa en Galiza como “mero delegado do Goberno e escudeiro de Mariano Rajoy” e reiterou que o BNG non espera “nada desta reunión”.

 Feijoo debe explicar o diñeiro procedente de Galiza para financiar “ilegalmente” o PP

Francisco Jorquera volveu pedir hoxe “reponsabilidade” ao Presidente da Xunta para explicar os casos de presunta corrupción detectados no Partido popular e lembrou que na sesión de control do vindeiro pleno, o BNG preguntará polas medidas previstas para “loitar contra calquera cargo do partido popular que use a política para lucro” como se comprometeu na Cámara recentemente o propio Presidente da Xunta e do Partido popular, Alberto Núñez Feijoo.

O deputado manifestou que Feijoo é especialista en frases bonitas e titulares de prensa como: “o caso Bárcenas me repugna ou perseguirei ata o final a calquera militante ou cargo do PP que pretenda lucrase” coa política e pediulle que deixe “a retórica” e reaccione ante a corrupción do seu partido como a vinculación da contabilidade de Bárcenas coa trama Gürtell e que afecta ao PP galego “pola presunta financiación ilegal” dos actos das campañas do PPdeG entre os anos 1997 e 1998.

A esta circunstancia engadiu “a entrega a Génova de 21 millóns de pesetas” decidida polo secretario do Partido popular de Galiza e mentres tanto, “Feijoo mirando para outro lado”.

Jorquera tamén se referiu a situación do Concello de Santiago sobre a que volveu pedir que Núñez Feijoo, na súa calidade de Presidente da Xunta e do PP de Galiza, inicie os trámites para a disolución da corporación municipal e a convocatoria de eleccións anticipadas.

 XIV Asemblea Nacional do BNG proceso de revitalización do nacionalismo

A preguntas dos xornalistas sobre a celebración o vindeiro domingo 17 de marzo da Asemblea Nacional do BNG, Jorquera asegurou que marcará “unha importante inflexión”.

Sobre as discrepancias do líder da corrente Abrente, Carlos Aymerich, o portavoz do grupo parlamentario afirmou non compartilas e amosouse convencido de que o BNG saíra “reforzado” do proceso asembleario, “a recuperación da iniciativa política, o traballo social e a revitalización do proxecto nacionalista en Galiza” marcarán esta Asemblea, manifestou.

 Amplo respaldo ás teses do BNG para a XIV Asemblea Nacional

Por outra parte, tamén se congratulou da aceptación “por unha amplísima maioría” das teses aprobadas no Consello Nacional despois dun proceso participativo “por abaixo” onde se constatou o inmenso acordo da militancia do BNG coas propostas contidas nesas teses así como o respaldo “significativo” da candidatura encabezada por Xabier Vence á portavocía nacional.

Francisco Jorquera asegurou que o BNG ten a vocación de ser “a casa común do nacionalismo”, nese sentido, engadiu que existe unha nova realidade política en Galiza e o BNG, “aposta claramente por ir cara á unidade do nacionalismo establecendo espazos de colaboración e confluencia con outras forzas nacionalistas”.

Interpelado pol@s xornalist@s sobre a soberanía, Jorquera negou as acusacións sobre “unha posible deriva soberanista do BNG” porque, na súa opinión, esa deriva está no centralismo do Estado, na “deriva centralista”, dixo, que utiliza a crise económica para concentrar a riqueza e o poder a través dun modelo de “centralización política”, restando competencias as CC.AA, eu non vexo no BNG “ningunha involución” é o que realmente está en crise é o modelo político da “transición española”, concluíu.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG