O BNG non da por pechada a Comisión de Investigación das Caixas galegas

Demanda que comparezan Ordóñez, Currás e Almunia e insta a Goberno central a paralizar a venda de Novagalicia Banco

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a deputada Carme Adán afirmaron hoxe que “non dan por pechada a comisión de investigación das caixas galegas” e reclaman as comparecencias de Miguel Angel Fernández Ordóñez, Marta Fernández Currás e Joaquín Almunia.

Os deputados tamén consideran que debe comparecer en comisión José Luís Méndez Pascual, fillo do ex-director de Caixa Galicia, dado o seu relevante papel na entidade financeira.

Asemade, o BNG reclama novas comparecencias de José Luís Méndez e Julio Fernández Gayoso para explicar as indemnizacións millonarias a exdirectivos das caixas galegas e a emisión de participacións preferentes.

Carme Adán anunciou ante os medios de comunicación que o BNG, non formulará ningún cuestionario escrito ás persoas que se negaron a comparecer polo que pedirá o amparo á mesa da comisión das caixas e consultará cos servizos xurídicos da Cámara galega sobre “a obriga” de comparecer dos convocados.

Feijóo ofrece un espectáculo bochornoso na Comisión que investiga as Caixas galegas

Para o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera, unha vez máis, o Presidente da Xunta ofrece un espectáculo ante Galiza eludindo ás súas responsabilidades sobre o acontecido coas entidades financeiras galegas.

“Núñez Feijóo, dixo, non respondeu a ningunha das preguntas formuladas e dedicouse a botar balóns fora” como acostuma a facer cando é interpelado polos problemas dos sectores produtivos galegos.

O BNG insta ao Goberno central a paralizar a venda de Novagalicia Banco

Ante o anuncio da venda da entidade financeira fusionada, Jorquera manifestou que producirá “un efecto catastrófico” para Galiza e criticou que mentres Bankia non será vendida por considerala sistémica para España, Novagalicia Banco será posta a venda a “prezo de saldo”.

O deputado explicou que hoxe, máis que nunca, Galiza precisa dun sistema financeiro propio que impida o “espolio do aforro galego” e rexeitou que tras ser mobilizados máis de 9.000 millóns de recursos públicos para sanear a entidade financeira, agora sexa vendida a “prezo de saldo”.

“Ata o 2017 hai tempo para escoller outras opcións, afirmou, e non aceptamos dicir Amén aos ditados de Europa nin a lóxica perversa de insuflar fondos públicos para sanear os bancos para seren mal vendidos despois”.

Neste sentido, engadiu que o BNG presentou no Congreso unha Proposición non de lei destinada a paralizar o proceso de venda de NGB anunciado polo FROB.

Solución á estafa das participacións preferentes

Finalmente, o parlamentario apelou ao Goberno central para poñer fin a “escalada de multas” que están a recibir as persoas estafadas polas participacións preferentes por parte das autoridades gobernativas e reclamou abrir a arbitraxe para solucionar “de maneira global” a devolución dos cartos estafados.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG