O portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera pide na Cámara galega que Feijóo "compareza ou dimita"
Francisco Jorquera acusou ao Presidente da Xunta de cómplice e responsable dunha estafa que afecta a miles de galegos e galegas polo que solicitou a súa comparecencia no Parlamento galego.
O grupo parlamentario do BNG, minutos antes do comezo da sesión plenaria, amosou a súa solidariedade cos afectados polas participacións preferentes mostrando diversos carteis nos que se podía ler: Feijóo cómplice, Devolucións do 100% Xa! e Non ao roubo das preferentes.
Diante da porta principal do Parlamento galego, o portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera acompañado de todos os membros do grupo nacionalista, anunciou que o BNG solicitaría a comparecencia do Presidente da Xunta para explicar as medidas do Goberno contra o que considerou a grade estafa aos aforros dos afectados polas participacións preferentes en Galiza.
Principiada a sesión plenaria, o Partido popular, aproveitando a súa maioría parlamentaria , rexeitou a comparecencia de Núñez Feijóo, solicitada polo BNG á que tamén se sumaron PSdeG e AGE.
Feijóo: comparecencia ou dimisión
Os deputados e deputadas do BNG permaneceron nos escanos vestidos con camisetas con diversos lemas de apoio aos estafados polas participacións preferentes. Ante a negativa de Núñez Feijoo a comparecer no hemiciclo, o portavoz nacionalista pediu a dimisión do Presidente da Xunta por non dar a cara ante un problema que afecta a miles de familias galegas.
Francisco Jorquera afirmou que os afectados por este produto financeiro sofren unha dupla estafa: a dos bancos e agora a imposición dunha quita e responsabilizou ao Partido popular de legalizar esta estafa a través da Lei 9/2012 co apoio dos deputados galegos do PP no Congreso.
Jorquera estendeu esta irresponsabilidade política á Xunta por non ter recorrido unha lei manifestamente anticonstitucional e que invade competencias galegas.