Alcaldes e portavoces municipais do BNG denuncian que o novo modelo do Partido popular liquida a maior parte dos concellos galegos e invade competencias do Estatuto de Autonomía.
O BNG reforzará a súa posición na Federación Galega de Municipios e provincias (FEGAM), a través de mocións que presentará nos concellos, Parlamento galego e Congreso para frear a intención do Partido popular de liquidar a maior parte dos concellos galegos coa reforma da Lei de Administración Local.
Alcaldes e representantes municipais do BNG compareceron ante os medios de comunicación ao fin de informar da posición que manterá esta forza nacionalista contra o Anteproxecto de Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local que modificará substancialmente as condicións dos concellos, deputacións e servizos aos cidadáns.
Máis privatización e enriquecemento dalgúns sectores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que o anteproxecto parte dunha modificación do artigo 135 de Constitución, aprobado no mes de agosto do 2011, en vacacións e impulsado polo Partido socialista e apoiado polo Partido popular.
Lores engadiu que o anteproxecto, imposto pola UE e apoiado por PP e PSOE, persegue diminuír o gasto público, potenciar a privatización e enriquecemento dalgúns sectores e ofrecer menos servizos á cidadanía.
Aforrar a costa dos máis desfavorecid@s
Neste sentido, afirmou que que a medida pretende aforrar a costa das prestacións dos concellos o que suporá un retroceso democrático por incrementar as competencias das deputacións e de certos funcionarios e interventores que dependerán do Estado e non dos alcaldes e concelleiros elixidos democraticamente.
Pola súa parte, Raquel Jabares, concelleira do BNG en Culleredo, coincidiu con Fernández Lores no lesivo do proxecto para todos os concellos galegos e concretamente na eliminación de postos de traballo, fundamentalmente de mulleres nos departamentos de servizos sociais, eliminación das políticas de mocidade e normalización lingüística e o máis grave, dixo, a desaparición das axudas de emerxencia social e a domicilio.
Perda de postos de traballo na súa maioría de mulleres
Jabares indicou que ademais desaparecerán os centros de información para mulleres que neste momento dan acubillo a mulleres maltratadas , os grandes prexudicados, engadiu, serán as familias que máis están a necesitar as axudas dos concellos.
Francisco García, Alcalde de Allariz defendeu os servizos públicos e de calidade dos concellos e reiterou que o BNG acordou levar adiante unha campaña de denuncia do anteproxecto porque significa: menos democracia, menos autonomía local e ir cara un modelo local vertical donde as directrices da UE e do Estado se van a aplicar nos concellos o que impedirá a activación da economía galega.
Para Francisco García, somos un país diferenciado polo seu idioma, a súa cultura e unha personalidade reflectida no seu territorio e non temos nada que ver con outras realidades municipais, esta reforma ademais invade competencias establecidas polo Estatuto de Autonomía, manifestou.
Por último, o alcalde de Allariz denunciou que a reforma impedirá que os concellos teñan políticas propias e unha actividade centrada ao servizo dos cidadáns , "o PP pretende un modelo centralista e utilizará a reforma e as deputacións para elo.