O BNG esixe en Sanxenxo unha solución política para os estafados polas preferentes

Sanxenxo , 8 xaneiro 2013. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acompañado pola deputada nacionalista, Montse Prado, e por portavoces muninicipais da comarca do Salnés, reuniuse esta maña coas persoas estafadas polas preferentes que dende o Nadal permanecen pechadas na Casa do Concello de Sanxenxo.

Guillerme transmitiulles que “dende o primeiro momento que apareceu o escándalo da estafa das preferentes, o BNG estivo do lado dos estafados esixindo unha solución politica que ten que pasar inevitabelmente pola devolución de todos os cartos aos seus lexítimos propietarios, que son as persoas estafadas pola banca”.

Neste sentido, subliñou que “desa decisión política ten que facerse cargo o actual goberno”.

“Polo tanto -afirmou-, o BNG reitera o apoio ás vítimas da estafa das preferentes, unhas persoas que están sendo roubadas pola banca coa connivencia dos gobernos do PP”.

O portavoz nacional od BNG circunscribiu esta estafa “ nun marco de liquidación do sistema financeiro galego, que se está saldando coa perda de milleiros de empregos, co roubo dos cartos dos estafados polas preferentes e subordinadas, coa perda de servizos bancarios, coa expatriación do aforro galego, e aínda por riba sen ningunha responsiblidade, nin política ni penal, por esta situación”.

Por iso, Guillerme defendeu que “os estafados polas preferentes teñen razón e a única solución é política, e non é outra que se lle devolvan todos os cartos a esta xente”.

A este respeito, denunciou que “non pode ser que haxa miles de millóns de euros para rescatar á banca, nun caixón sen fondo, e para esta xente nada de nada, nunha sociedade democrática non pode ser que se estafe á xente e nada pase.

Reducción de escanos do Parlamento Galego

Por outra parte, a preguntas dos xornalistas,, o portavoz nacional do BNG afirmou que “estamos convencidos de que esa redución proposta polo PP vai no camiño da redución da democracia”.

“A clave do problema que temos no Estado español e na Galiza -advertiu- non é o número de deputados ou o número de concelleiros. Aquí estamos metidos nunha profundísima débeda pública consecuencia do apoio á banca de miles de millóns e do pagamento dunha débeda absolutamente inaceptábel, cuns xuros salvaxes, e o primeiro que tiña que facer un Goberno é dicir que esa débeda non se paga porque é inxusta. Esa é a clave da cuestión”.

Por iso, denunciou que “a única intención do PP é reducir a democracia, ningunha outra”. “Teñen moitos gastos onde recortar, até poden pechar Montepío”, concluíu.

 

http://youtu.be/pBrZ7CdNHco

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG