10.000 persoas participaron na manifestación convocada polo BNG en Santiago de Compostela, para pedir unha Galiza soberana, como única alternativa real á crise, e para pedir un cambio ás políticas dun PP que, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence, teñen colocado ao país nunha situación límite no económico e no social.
Esta manifestación ten que marcar un punto de inflexión por ser a resposta dunha sociedade galega indignada que esixe un cambio drástico ás políticas recentralizadoras do PP que están desmantelando ás institucións, o noso autogoberno e provocando o conseguinte deterioro dos servizos públicos e do noso tecido produtivo, explicou o portavoz nacionalista.
Durante o seu primeiro discurso como portavoz nacional na emblemática Praza da Quintana, Vence foi desmiuzando todas as razóns que levan ao BNG a apostar pola soberanía, paso a paso, pero con decisión, como a única maneira de acadar as mellores ferramentas para solucionar os problemas do país é facernos cargo do noso futuro como nación.
No plano económico, unha taxa de paro insostible, que no caso da xuventude afecta ao 52%, con 290.000 desempregado e 92.000 fogares con todos os membros activos en paro. O espolio do aforro galego coa falsa venda de NGB, pese a ser rescatada con 9.000 millóns de euros de recursos públicos, ao que hai que engadir 564 millóns estafados polas preferentes.
Neste sentido, Vence denunciou o silencio cómplice de Feijóo que supón unha traizón ao país de consecuencias catastróficas, e que contrapuxo á proposta do BNG de converter NGB nunha banca pública galega.
Monte Pindo, metáfora do país
O portavoz nacional foi especialmente crítico coas consecuencias do abandono do rural debido á falla dunha política agraria e forestal por parte da Xunta do PP á altura do país, que ten como máxima consecuencia a vaga incendiaria que arrasa Galiza, agravada por unha austeridade irresponsable que estamos a pagar moi cara.
Gastamos en apagar o que non gastamos en prevención e aínda por riba quédanos o país carbonizado, denunciou Vence, quen cualificou ao presidente da Xunta de ser pirómano por omisión pese ao seu vergoñento intento de escorrer as súas responsabilidades alegando que se trata dun problema de orde público.
Vence advertiu que Feijóo está deixando o país reducido a cinzas, e non só no monte, cando acepta con total entrega e submisión aplicar en Galiza as políticas impostas polos lobbies empresariais madrileños, os mesmos que financian ilegalmente ao PP.
Políticas que impiden tomar decisións a favor dos sectores produtivos galegos, da preservación do servizos públicos e das prestacións sociais, e impiden lexislar a favor dos intereses do país, citando como exemplo a posibilidade de adoptar unha tarifa eléctrica galega, unha regulación acaída ao comercio galego, ou o desenvolvemento do sector das enerxías renovables.
Sen soberanía non hai política de esquerdas
Amais de ser a mellor garantía de futuro para Galiza, Vence foi contundente ao afirmar que a soberanía é tamén a precondición para poder aplicar políticas de esquerda, e deixou claro que o BNG non ten inimigos nin no nacionalismo, ni na esquerda. Os nosos inimigos son os poderes económicos que estrangulan o noso país, os oligopolios capitalinos e os políticos mercenarios que os serven, denunciou.
No convencemento de que é a mellor garantía de futuro para Galiza, Vence salientou que a soberanía non é só unha cuestión identitaria: "Que ninguén se equivoque, a soberanía non é un asunto exclusivamente identitario, nin tan sequera é algo que interese só aos nacionalistas, é cousa de todas as xentes que habitan este país, condición para un futuro digno para todos, nacionalistas e non nacionalistas", concluíu.
As voces dos afectados pola crise
O discurso do portavoz nacionalista estivo precedido polas intervencións do secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, e por unha ducia de emotivas intervencións de representantes de colectivos especialmente afectados polas políticas do PP, aquí en Madrid, entre eles os estafados polas preferentes, os emigrantes retornados, traballador@s do naval, do agro, da conserva, de empresas concretas como T-Solar, do mundo da cultura, dos servizos públicos e da xuventude.
Máis fotos na nosa canle de Flickr.