O BNG defenderá no Congreso a devolución íntegra dos aforros aos afectados polas preferentes

Na manifestación celebrada hoxe en Compostela Xavier Vence salientou que é de xustiza que os estafados recuperen o 100% dos cartos

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou esta mañá na manifestación de apoio aos estafados polas preferentes e subordinadas. No inicio da mobilización o nacionalista anunciou que o Bloque defenderá o vindeiro martes, 28 de maio, unha proposición de lei para que se garanta a devolución íntegra do valor das participacións preferentes e subordinadas.

Segundo defendeu Xavier Vence na manifestación de hoxe, na que tamén participaron os deputados Francisco Jorquera e Bieito Lobeira, “é de xustiza que os aforradores e aforradoras estafados recuperen o 100% dos seus cartos”. Asegurou ademais que o BNG seguirá a traballar para que así aconteza e amosando o seu respaldo a todos os afectados e afectadas en todas as mobilizacións que se celebren.

O portavoz nacional do BNG destacou que no debate de admisión a trámite da lei (que terá lugar o martes a partir das 16.30 horas), o Bloque censurará o Decreto e as decisións do FROB en relación ás entidades nacionalizadas por que “confirman o expolio do aforro a un elevado número de persoas que nunca foron informadas debidamente destes productos financeiros”.

Non ás quitas

Coa súa proposición de lei o BNG “quere que non se apliquen os mecanismos legais vixentes que estabelecen a asunción obrigatoria de perdas por parte dos preferentistas”. Nesta liña Vence destacou que no Pleno do martes as deputadas nacionalistas van defender “a modificación ou derogación de diversas disposicións da lei vixente de reestructuración de entidades de crédito”.

O nacionalista criticou que o Goberno español asumise unhas condicións gravosas para a maioría dos cidadáns. “Os contribuíntes en xeral teñen que realizar enormes esforzos para rescatar a banca española, e por riba, penalízase a miles de pequenos aforradores poseedores de participacións preferentes e subordinadas”, asegurou.

“Coas súas decisións sobre a aplicación das quitas, o goberno central legalizou a estafa a pequenos aforradores sen experiencia financeira que foron enganados coa colocación masiva de participacións preferentes e subordinadas”, denunciou Vence.

Segundo explicou o portavoz nacional do BNG, a proposiciòn de lei pretende que non se apliquen os mecanismos legais vixentes polos que os afectados teñen que asumir obrigatoriamente as perdas”.

Acto en Viveiro

Neste marco inscríbese o acto no que Vence participará esta tarde en Viveiro, dentro da campaña que o Bloque está desenvolvendo por todo o país baixo o nome “Non é unha crise, é un roubo”. Nesta localidade da Mariña luguesa, o portavoz nacional explicará as iniciativas que ten presentado a fronte nacionalista para acadar o obxectivo de que as persoas estafadas recuperen os seus cartos.

“Ademais de solidarizarnos cos afectados desta estafa tamén temos que explicar polo miúdo, nas vilas de todo o país, as nosas propostas contra a quita e as políticas crueis dos gobernos do PP”, afirmou Vence ao respecto.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG