Francisco Jorquera avogou pola participación cidadán fronte a reforma electoral do Partido popular para minguar a Cámara galega
Pleno.- O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendeu a Proposición de Lei sobre consultas populares baixo un réxime xurídico e coa convocatoria da Xunta de Galiza e polos concellos por vía de referendo.
Para que a democracia bote raíces e se converta no poder real do pobo, o deputado considerou que as consultas populares representan o fel reflexo da vontade expresada polos cidadáns nas urnas.
Neste sentido, criticou a intención do Partido popular de minguar o Parlamento galego cunha reforma electoral ad hoc co fin de manter a súa maioría absoluta reducindo a representación doutras forzas na Cámara galega.
Consultas populares para frear o nepotismo
A proposición nacionalista afonda na democracia participativa e directa regulando as consultas populares baixo a modalidade de referendo nos asuntos públicos.
O parlamentario lembrou que na actualidade, existen tres supostos: o referendo constitucional, a ratificación dos estatutos de Autonomía e o relativo a decisións políticas de especial transcendencia, sendo esta modalidade consultiva e non vinculante.
Asemade, engadiu, a lei establece o referendo convocado polo Rei mediante proposta do Presidente do Goberno español e autorizado polo Congreso, non se prevé polo tanto, a consulta convocada por outras institucións ou organizacións sociais.
A Constitución, que durante trinta anos se nos presentou como inmutable foi sen embargo reformada vía express tras recibir Zapatero tres chamadas telefónicas, nós dixo, queremos reformar o sistema dende o respecto ao marco competencial e definido na propia Constitución.
Autoderminación e cotas de soberanía
O nacionalista explicou que ser sobreran@ esixe o recoñecemento formal dun dereito e que ese dereito se faga efectivo, e un chanzo deste proceso é a celebración dun referendo.
Por outro lado, criticou a invasión, por parte do Goberno, central das competencias galegas anulando incluso o noso autogoberno.
Sobre este extremo aludiu á negativa do delegado do Goberno, Samuel Juárez para que compareceran ante a comisión de Seguridade Víal os responsábeis da Garda Civil de Tráfico, o delegado do Goberno pode desairar ao Parlamento pero o Parlamento galego non pode solicitar ao Goberno central o seu cese.
O deputado avogou por constituír unha delegación con competencia para as consultas populares semellante á que reclamará hoxe mesmo o Parlamento catalán no Congreso dos deputados e lembrou que o propio Tribunal Constitucional levantou a suspensión sobre a lei de consultas populares de Cataluña.
Finalmente, o parlamentario apostou por unha lectura aberta da Constitución contra a visión restritiva do Partido popular.
A proposta de lei nacionalista foi rexeitada polo Partido popular e PSdG-PSOE que impediron iniciar a súa tramitación no Parlamento galego.