O BNG denuncia a criminalización e represión sistemática da protesta social contra as políticas de goberno do PP que empobrecen, recortan servizos públicos e espolian á maioría social, -mesmo aos que teñen sido sido estafados polos responsables da crise-, e reprime incluso a exhibición de símbolos nacionais en eventos públicos. Primeiro recortan dereitos e despois reprimen a protesta contra eses recortes, conclúe.
Centos de persoas por toda Galiza padecen a estratexia represiva, sistemática e insidiosa do PP e dos seus órganos gobernativos e policiais, subliñou o portavoz nacional Xavier Vence, acompañado por responsables do Bloque e por un nutrido grupo de persoas como testemuñas do acoso e das sancións sufridas pola súa protesta pacífica e democrática na rúa.
A loita contra os desafiuzamentos, contra a estafa das preferentes, a defensa do dereito ao aborto, a denuncia de recortes nos servizos públicos, a denuncia contra a emigración xuvenil por falta de oportunidades, ou a denuncia por portar simboloxía galega en eventos deportivos como a volta ciclista, son algúns dos casos obxecto de persecución e represión policial a instancias da Delegación do Goberno.
Queren calar a cidadanía non só con porras, moi visibles diante dos medios de comunicación, tamén por outras vías opacas para silenciar á xente, para meter medo e para frear a indignación ante as políticas empobrecedoras, espoliadoras, antiobreiras e de recortes de dereitos en todos os ámbitos do PP, denunciou Vence.
Unha represión máis insidiosa pola vía xudicial e administrativa que se plasma nun volume inmenso de multas arbitrarias dos últimos tempos, recalcou subliñado a necesidade de visilizar ante a sociedade esta situación. Ademais dun estado policial se recorre á extorsión económica con multas que financian ese propio estado represivo, estigmatizando actos que expresión de liberdade da cidadanía básicos nunha democracia
Vence advertiu que o proxecto de Lei de Seguridade Cidadán agravará esta situación, con cambios profundamente regresivos que reducen garantías xudiciais e abren a porta á arbitrariedade e indefensión dos informes de parte que elaboren as forzas de seguridade, e mesmo se recolle a creación dun rexistro central de infractores.
As medidas represivas que acompañan aos recortes incluso foron denunciadas polo Valedor e polo Defensor do Pobo, cuestionando a actuación do Goberno sobre o uso abusivo da identificación, sancións, e multas e mesmo da represión da exhibición de símbolos nacionalistas.
Testemuñas da represión
Entre as testemuñas da represión, cargos do BNG como o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen recoñeceu que o seu delito, como o dunha multitude de veciños e veciñas da Coruña, foi tentar que unha anciá de 72 anos, -a señora Aurelia-, non quedase na rúa. Mentres os que amparan feitos tan inxustos están nos seus postos, denunciou, os que loitamos para que se faga efectivo o dereito a unha vivenda digna sofremos multas, xuízos e violencia policial.
Desde a Plataforma de Afectados polas Preferentes de Compostela, Marta Domínguez admitiu que o seu delito foi defender aos que lles roubaron os aforros, e con eles estivo protestando nas inmediacións do lugar no que se celebraba a voda do fillo do ex ministro de Xustiza, Ruíz Gallardón, que acabou coa xustiza gratuíta.
Dani Carballada será xulgado o 26 de novembro por realizar un mural na defensa do aborto nun muro dunha estrada sen ningún valor patrimonial. Aínda sendo home estarei sempre polo dereito xusto de que as mulleres decidan se queren e cando queren ser nais.
Desde Galiza Nova, Alba Castanedo, estudante de 20 anos, confesa que o seu delito foi portar un faixa de protesta contra un acto propagandístico do PP sobre emprego xuvenil. Teño todo o dereito do mundo a expresarme e a denunciar que a mocidade aquí non ten traballo e ten que emigrar e non me van parar por moitas multas e policía que nos envíen. Pegar carteis en Lugo para convocar unha asemblea aberta do BNG supuxo a identificación policial de Adrián Jato, así é como nos permiten exercer a liberdade de expresión, criticou, mentres que a identificación de Cocha Lopes foi motivada por portar unha bandeira galega ao paso da volta ciclista.
O BNG está ao lado dos que sofren e se defenden e dos que loitan por unha sociedade máis xusta e teñen a valentía de enfrontar as medidas regresivas e involucionistas do Goberno, concluíu Vence.