A sociedade galega debe dar unha resposta masiva na manifestación do 15 de setembro para dicir basta xa ás políticas do PP que destrúen emprego e pechan empresas.
Tras a reunión do Consello Nacional, a formación nacionalista consideran que sobran as razóns para unha ampla contestación social, razón que foron enumeradas polo portavoz nacional, Xavier Vence.
En primeiro lugar, porque tras seis anos de recortes, Galiza está nunha situación límite de colapso e o PP non ten un proxecto válido de recuperación dos sectores produtivos. En segundo lugar, porque os galegos e as galegas son cada vez máis pobres e, en moitos casos, teñen serias dificultades para chegar a fin de mes e atender necesidades básicas, como a vivenda ou incluso a alimentación, explicou.
Á situación económica, Vence sumou o feito de que a crise está sendo utilizada polo Goberno do PP para acosar e desmantelar os servizos públicos, con recortes na sanidade, na educación e nas prestacións sociais, precisamente cando son máis necesarios, alegou. Como argumento final, salientou, que estamos gobernados por un PP corrupto que cobra sobresoldos en negro e que obedece aos intereses dos lobbies empresariais madrileños que o financian de xeito ilegal.
Por iso todos os cidadáns, con independencia da súa sensibilidade política, que queiran un cambio ao PP deben estar na manifestación do 15 de setembro, amosar na rúa o seu cabreo e dicir basta xa, alegou Vence.
Coalición ás europeas
O Consello Nacional do BNG, máximo órgano entre asembleas, aprobou as bases políticas para a configuración da coalición electoral de cara aos comicios europeos previstos para o 25 de maio de 2014. Despois de que xa se tivesen producido encontros ao longo dos últimos meses, o BNG acordou iniciar as negociacións formais coas forzas políticas nacionalistas galegas en primeira instancia, e coas formacións nacionalistas e de esquerda do resto do Estado.
"O obxectivo para o BNG é configurar unha coalición que garante unha presenza forte de Galiza no Parlamento Europeo, sumando forzas políticas soberanistas e de esquerda, tanto galegas como do resto do Estado, explicou Vence, e poder ter definida esa coalición en outubro.
Defensa dos intereses de Galiza con especial incidencia nos sectores produtivos do país, defensa da lexitima aspiración á soberanía e defensa dunha Europa social e democrática, son os criterios que o BNG propón para conformar a coalición electoral.
Fronte común con NGB
A situación de NGB tamén foi abordada polo Consello Nacional, ante a evidencia de que o Goberno central pretende consumar o espolio definitivo do aforro galego. Temos dúas propostas en riba da mesa, a mala de vender NGB a un fondo de investimento estranxeiro, e a peor de regalar a entidade á banca española por 1 euro, despois de ter recibido 9.000 millóns de euros de fondos públicos e 600 millóns dos aforradores estafados polas preferentes, denunciou Vence.
Facemos un chamamento as outras forzas políticas e á propia Xunta para que encabece unha fronte común que evite consumar este espolio. Feijóo non pode seguir mirando para outro lado ante este atraco, concluíu.