Pontevedra, 16 de agosto de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento o pobo a participar mañá, sábado, en Pontevedra no acto nacional de conmoración do Día da Galiza Mártir. Terá lugar a partir das 20h na Praza de Curros Enríquez e contará coas intervencións do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, da escritora Marta Dacosta e do neto de Alexandre Bóveda e secretario da Fundación que leva o seu nome, Valentín Bóveda. A xornada pecharase cunha cea organizada por Galiza Nova.
O secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, e a responsábel comarcal do BNG en Pontevedra, Anxos Riveiro, presentaron en rolda de prensa o acto de conmemoración do Día da Galiza Mártir, un acto convocado para pararlle os pés ao Partido Popular, que neste momento trata de rehabilitar a herdanza franquista sen ningún tipo de Galiza e nun contexto de recentralización en que Rajoy tira da consigna do Gibraltar español como cortina de fume para ocultar os gravísimos efectos das medidas antisociais e de empobrecemento impulsadas polo PP.
Bieito Lobeira e Anxos Riveiro chamaron a honrar os milleiros de galegos e galegas que, como Bóveda, deron a súa vida pola Patria e que foron represaliados por facerlle fronte aos franquistas. Os nacionalistas lembraron que do piñeiro da Caeira onde asasinaron a Bóveda non queda nada, porque o mandaron cortar cando o pobo galego comezou a levar anacos da súa casca como reliquias. Porén, sinalaron, quedan as súas ideas, que nunca poderán ser esnaquizadas. Quédanos o rastro inmorrente da vida exemplar de Bóveda e de cantos e cantas deron a súa vida por Galiza, salientaron. Engadiron que cómpre recuperar a nosa historia roubada e para proxectar no presente o heroísmo, a dignidade e o sacrificio de pasadas xeracións, que foron asasinadas e represaliadas pola liberdade da nosa nación.