O BNG apoiou cunha ampla representación encabezada polo portavoz nacional, Xavier Vence, a manifestación en defensa do sector leiteiro en situación crítica polos prezos por baixo de custe que impoñen a industria e as cadeas de distribución. E iso, ante a indiferenza da Xunta e de Madrid que se limitan a ser cómplices das políticas que marca Bruxelas.
Temos que frear este abandono e iso require unha estratexia do goberno galego de defensa das explotacións fronte a industria transformadora e as distribuidoras, e dunha política comprometida coa dinamización do rural, coas nosas explotacións leiteiras que están sendo extorsionadas e espoliadas pola distribución e pola industria, explicou Vence.
Neste sentido, o Bloque considera que é o momento de que a cidadanía reaccione para manter un rural vivo, que a Xunta se comprometa a defender ao sector fronte a industria e as cadeas de distribución que están actuando como auténticos capos que extorsionan ao sector impoñendo prezos a perdas que levan ao peche ás 9.000 explotacións leiteiras galegas, denunciou o dirixente nacionalista.
A esta situación súmanse as políticas impostas desde a UE, dándolle a puntilla ao que queda do noso sector leiteiro e do sector agrario, advirte Vence, quen instaba a Feijóo a defender ao sector.
Ten que deixar de facer mutis polo foro como senón fora con el, debe encabezar unha estratexia de defensa do sector porque a Xunta non pode permanecer impasible ante este proceso de desmantelamento, cuxas consecuencias son inmediatas. A terra que queda abandonada, o rural que queda abandonado é pasto dos incendios que xa estamos vendo estes días por todo o país, advertiu.
Secar, matar e malvender vacas
O alcalde de Boimorto, Xosé Luis Rivas, Mini, expresou a súa preocupación como rexedor dun concello rura,l onde o sector leiteiro e clave para o futuro do municipio. A xente está desesperada, a situación é tal que lle fan diminuír a produción de leite ata un 40%, produtores de 5.000 litros diarios están recortando en 600 litros, e isto supón secar vacas, matar vacas e vender vacas nun mercado que xa está saturado. Supón unha hecatombe, é moi serio, moito máis do que se pensa, describiu.
O alcalde nacionalista confía en que a manifestación sexa o punto de partida para a defensa conxunta do sector. Espero que sexa o principio, porque se só é o final de algo, entón o sector está morto, concluíu instando aos medios a ser a voz, non dos políticos, senón dos gandeiros e gandeiras, dos produtores que as están pasando canutas.
Todos os alcaldes e alcaldesas do BNG apoiaron a manifestación en defensa do sector leiteiro, con especial implicación dos rexedores e rexedoras dos concellos do rural.