A Constitución de 1978 está superada e debe ser modificada para dar resposta ás aspiracións das nacións que conforman o Estado español, nacións que demandan os mesmos dereitos que calquera outra comunidade do concerto internacional e, polo tanto, deben ser recoñecidas como tales.
Neste sentido, o BNG demanda un marco constitucional onde Galiza poda exercer os seus dereitos democráticos, históricos e nacionais, comezando polo dereito á libre determinación e polo dereito a ser unha nación soberana, desde o principio de que a democracia ten que garantir igualdade de dereitos e de oportunidades entre persoas, mais tamén entre os pobos.
O BNG, explica o portavoz nacional, Xavier Vence, continuará a traballar a prol dunha Galiza soberana, con capacidade de decidir sobre o seu futuro, e de construírse digna e libremente como Estado, o que significa decidir sobre os nosos sectores produtivos, sobre os recursos naturais do País ou sobre a preservación e ordenación do territorio.
Significa construír un sistema financeiro propio que atenda ás necesidades das Pemes e das familias galegas, adoptar as decisións económicas para xerar emprego que permitan traer de volta aos milleir@s de galeg@s emigrados, en particular xente moza. Unha Galiza soberana significa respecto a nosa lingua, pechando a porta a discriminación e ao menoscabo que ao idioma propio, e significa unha Galiza combativa na defensa das conquistas sociais e dun mundo máis libre e xusto.
Recentralización e dereitos sociais
O BNG denuncia o cinismo político do PP que non ten reparos en incumprir sistematicamente a Constitución que di defender para impor un programa de goberno que recorta dereitos sociais e liberdades individuais e avanza cara unha recentralización en detrimento do autogoberno de Galiza.
A lexislación e a normativa do Goberno do PP deixa en papel mollado dereitos fundamentais recollidos no texto de 1978, como o dereito ao traballo e á negociación colectiva, cos recortes no servizo público de pensións, sanidade ou educación, cunha lexislación que consinte os desafiuzamentos fronte ao dereito a unha vivenda digna, cunha Facenda que persigue aos emigrantes retornados en lugar do mandato constitucional de favorecer a súa integración.
Igualmente, o BNG denuncia o fariseísmo político do PP cuxa política de recortes e fiscalidade regresiva ignora a obriga de gobernar en base a programas sociais e económicos que contribúan a unha distribución equitativa da riqueza, provocando o empobrecemento da maioría social mentres se drenan millóns de euros á banca.
O incumprimento sistemático tamén afecta ás liberdades individuais, como a Lei de Seguridade Cidadán que prepara Madrid, e ao autogoberno de Galiza, que o Goberno central intenta recortar a toda costa dunha premeditada estratexia de recentralización.