BNG-Asembleas Abertas, candidaturas sociais como alternativa en Galiza ao desgoberno corrupto do PP

Consello Nacional

O Consello Nacional aprobou por unanimidade o primeiro tramo das candidaturas BNG-Asembleas Abertas nas grandes cidades, a lista completa no caso de Pontevedra, e noutros 14 concellos do país, que o portavoz nacional, Xavier Vence, definiu como “solventes, sólidas e cribles para ofrecer unha alternativa á cidadanía fronte ao desgoberno corrupto do PP”. As candidaturas, resultado do proceso de participación en asembleas abertas a toda a cidadanía, combinan renovación con experiencia de goberno.

Este proceso de “ampla participación permitiu incorporar a moitas persoas non militantes”, subliñou Vence, quen salientou a “gran renovación”, -nos casos de Vigo, Lugo, Ourense e Ferrol-, “continuidade coa experiencia de goberno como é o caso de Pontevedra”. “Queremos trasladar a todos os concellos o modelo que poñemos en práctica alí onde gobernamos, o modelo de Pontevedra, Carballo, Allariz ou Ribadeo, de todos aqueles municipios nos que estamos gobernando a día de hoxe”.

O dirixente nacionalista salientou que se trata de “candidaturas netamente sociais que incorporan aquela parte da sociedade máis activa que expresa o desexo de mudar as cousas de xeito radical para levar aos concellos gobernos participativos, honestos, con iniciativa e comprometidos cos máis necesitados que están a padecer as consecuencias máis graves da crise”.

Vence fixo fincapé na incorporación de xente nova, independentes, persoas de diversos colectivos sociais, activas nos movementos veciñais, feministas, de loita contra os estafados pola banca, desafiuzamentos e de defensa dos servizos públicos.

A formación nacionalista finalizará o proceso de elaboración e aprobación das candidaturas BNG-Asembleas Abertas no conxunto do país en febreiro, para ofrecer a cidadanía galega un proxecto para transformar o país desde os concellos, capaz de frear as políticas de recorte e de empobrecemento social, que finiquita as conquistas sociais e destrúe o futuro de Galiza, e para acabar coa corrupción que identifica a maneira de gobernar do PP tamén nos concellos.

CANDIDATURAS BNG-ASEMBLEAS ABERTAS CIDADES 1º TRAMO

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG