O BNG anuncia un 25 de Xullo centrado na Soberanía de Galiza

O BNG fai un chamamento ao pobo galego a participar de “maneira masiva” do Día da Patria e colocar en todas as xanelas a bandeira galega para reivindicar a “Soberanía política de Galiza”

A responsable de Imaxe, Montse Prado e o Secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira presentaron hoxe, ante os medios de comunicación, o cartaz da campaña do 25 de xullo, Día da Patria galega baixo o lema “Galiza pola soberanía”.

A deputada e responsable de Imaxe, Montse Prado manifestou que na campaña do 25 de xullo, Día da Patria galega, o BNG quere expresar “a vontade irrenunciable a exercer os nosos dereitos nacionais e existencia como pobo”.

Na súa intervención, Prado explicou que a imaxe do cartaz está construída co texto e o texto é a propia imaxe, “quixemos facelo así, dixo, cunha grafía espontánea que lembra os grafites da rúa”, e que lanza unha única mensaxe clara e contundente, “Galiza ocupa todo o cartaz, porque é o centro de actuación política e única prioridade do Bloque Nacionalista galego”.

Recoñecemento á militancia nacionalista  contra un Goberno que conduce a Galiza ao abismo económico

Montse Prado tamén aludiu aos miles de homes e mulleres que a través da súa dedicación e traballo puxeron, poñen e poñerán “Galiza en primeiro termo e os intereses colectivos e de nación, fronte os intereses individuais

A responsable de imaxe engadiu que todas estas persoas que “son a forza do BNG” loitan contra un Goberno galego dirixido por Núñez Feijóo que só pode presentar un “balance tráxico da súa xestión” en número de parados, mozos e mozas emigrados, impedindo un sistema financeiro propio. É un presidente, censurou, que continua como “mero espectador” ante a crise económica.

Para Montse Prado, nin na lexislatura pasada nin na que vai desta, o Goberno galego conseguiu algunha competencia para Galiza, polo contrario, permitiu que o Goberno central cometera inxerencias en materia de comercio, pesca e no sistema financeiro.Prado, reiterou a necesidade de que Galiza conte con soberanía para acadar “un verdadeiro poder político que nos permita remontar a crise económica”.

Un poder político, manifestou, “acorde a nosa nación e contra unha recentralización brutal” para que a nosa identidade nacional dende a lingua e a cultura e os sectores produtivos galegos sexan “unha realidade”. O BNG convida a todas as persoas que non estean dispostas a tirar a toalla, a traballar polo proceso de Soberanía de Galiza,concluíu.

Bandeiras galegas en todas as xanelas de Galiza o vindeiro 25 de Xullo

Pola súa parte, o Secretario de Organización, Bieito Lobeira anunciou a convocatoria do BNG da manifestación que partirá dende a Alameda de Santiago de Compostela, o vindeiro 25 de Xullo, ás 12 da mañá e que culminará na praza da Quintana cun gran acto político.

No acto da Quintana, ademais do Portavoz nacional do BNG, Xavier Vence e o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera participarán 19 representantes de nacións sen estado e terán voz @s afectad@s polas preferentes, desafiuzamentos, desempregados e desempregadas e traballadores do sector naval.

Lobeira fixo un chamamento a todo o pobo galego a “participar de xeito masivo” na mobilización e colocar nas xanelas bandeiras galegas para popularizar a “reivindicación da soberanía política de Galiza” como un dereito e necesidade contra a situación “dramática que a nosa nación está a arrastrar”.

O pobo galego, dixo, é un pobo historicamente “maltratado, anulado e negado” e a campaña iniciada polo BNG pretende poñer en evidencia “o marco político que lastra a posibilidade de levantar cabeza do noso país”.

O BNG vai desenvolver unha intensa campaña en todas as comarcas co fin de poder construír o noso futuro con dignidade e reclamar “a soberanía para Galiza” como único instrumento para non emigrar, para ter futuro, postos de traballo dignos na nosa terra porque “Galiza é rica en recursos” e só sairemos adiante se soltamos o lastre histórico da Unión Europea e o Estado español, afirmou.

Lobeira vinculou a falta de soberanía aos problemas de moitos sectores produtivos galegos entre os que destacou o naval, pesqueiro, agrogandeiro, pequeno comercio e o “monumental roubo provocado polas participacións preferentes”.

O responsable da Organización nacionalista finalizou a súa intervención denunciando que en Galiza existen os salarios e pensións máis baixas de todo o estado español e volveu reclamar soberanía en Galiza para construír un futuro, “digno, democrático, xusto e libre para todos e todas nós”.

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG