O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, demanda a constitución dunha comisión de investigación sobre Bankia para que no seu seo se substancien as comparecencias de Esperanza Aguirre e Rodrigo Rato, aos que considerou responsábeis políticos do burato negro de Bankia.
Jorquera salientou que o BNG xa ten rexistado no Congreso a petición de constitución dunha comisión que investigue a situación do sistema financeiro privado, cuxo funcionamento irregular e especulativo está na orixe da actual crise económica.
O portavoz nacionalista empraza ao PP a que non bloquee a constitución desa comisión. Deben comparecer a señora Esperanza Aguirre, presidenta da comunidade autónoma de Madrid, responsábel política do funcionamento de Cajamadrid, a matriz que deu lugar a Bankia. E debe comparecer tamén o señor Rodrigo Rato, responsábel da xestión de Bankia desde a súa bancarizacion, destacou Jorquera.
Estamos, afirmou o candidato do BNG, ante o maior escándalo financeiro da historia moderna do Estado español, un fiasco de xestión que lle vai custar ao contribuínte un mínimo de 23.500 millóns de euros, 4 billóns das antigas pesetas!!, remarcou Jorquera.
O candidato do BNG realizou estas declaracións aos meios de comunicación minutos antes de manter un encontro con axentes económicos, sociais e cívicos da cidade de Santiago para lles dar traslado da proposta nacionalista de criación dunha banca pública galega.
No encontro Jorquera estivo acompañado por Rubén Cela, portavoz do grupo municipal do BNG; Ana Pontón, portavoz do grupo parlamentar e Xavier Vence, membro do Consello Nacional e coordenador do traballo que deu suporte argumental á proposta de Banca Pública.
Inxectar débeda en Bankia xa ten consecuencias: a prima de risco sobarda os 500 pontos
Asistiron á reunión representantes de distintas entidades da capital de Galiza: a Cámara de Comercio -o seu presidente, Xesús Asorey-; Santiago Centro; hospital policlínico da Rosaleda; a ONCE; Cogami, Fademga, Fruga Plataforma polo Emprego, a asociación de empresarios do polígono do Tambre e diversas asociacions veciñais da cidade.
Burbulla da débeda
Jorquera descualificou a proposta de resgate de Bankia mediante a inxección de débeda pública no capital da entidade financeira. Esa fórmula vai alimentar aínda máis a burbulla da débeda pública, alertou o candidato nacionalista e as consecuencias están xa á vista coa prima de risco a sobardar hoxe a fronteira psicolóxica dos 500 pontos.
A proposta do BNG de Banca Pública Galega irá este martes ao Pleno do Congreso
O BNG está radicalmente en contra de inxectar diñeiro público en entidades financeiras para, logo de seren saneadas a custa dos impostos das e dos contribuíntes, seren privatizadas a prezo de saldo.
A única alternativa é a banca pública. No noso caso, banca pública galega, a única forma de que non se produza o espolio do noso aforro, a única forma de preservar o noso autogoberno e de que manteñamos en Galiza o centro de decisión sobre o nosoI aforro, afirmou Jorquera, quen anunciou que a proposta do BNG de Banca Pública Galega irá mañá a debate no Pleno do Congreso.
Os inaceitábeis recortes de Feijóo
O candidato do BNG criticou que neste contexto, coa inxección de 4 billóns das antigas pesetas nunha entidade financeira, o presidente da Xunta amagase onte (nunha entrevista cun medio madrileño) coa introdución de novos recortes antisociais, en concreto na Sanidade.
Estamos ante recortes inaceitábeis e mesmo inmorais: Non é de recibo que se pretenda cobrar a comida a pacientes nos hospitais públicos. Estamos ante unha medida profundamente antisocial que castigará aínda máis as economías máis modestas. En Galiza, cos salarios e as pensións máis baixas que no Estado, a medida é absolutamente inaceitábel.