Banca Pública tamén para o sector do mar

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, presentou hoxe as vantaxes da proposta nacionalista dunha Banca Pública para o sector do mar, consciente de que a situación actual que padece o dito sector só pode mudar se se removen os obstáculos políticos, como a lesiva Reforma Pesqueira Común, e os obstáculos de financiamento, e aí é onde é fundamental a Banca Pública.

En declaracións aos medios antes de se reunir cunha representación de traballadores do mar, Jorquera puxo como exemplo o importante problema que existe en Galiza de avellentamento da súa frota, que é moi difícil renovar como consencuencia da suspensión de programas da UE e polas dificultades de acceso a crédito.

A banca pública garante o acceso ao crédito para, por exemplo, poder renovar a frota

Neste sentido, alertou de que esa ausencia de crédito non só afecta á frota senón tamén ás empresas auxiliares, como as carpinterías de Ribeira, moitas delas con EREs xa abertos. “Se non mudamos as prioridades das políticas económicas -dixo- continuará a asfixia de moitas desas empresas, de pemes, de cidadáns e tamén do sector do mar, por iso é preciso un banco público galego”.

O candidato nacionalista lembrou que Galiza ten un extraordinario potencial e capacidade produtiva, ten un mar e un litoral “únicos”, que ben aproveitados son garante do desenvolvemento do sector e poderían volver situar o País á cabeza de Europa como potencia pesqueira, posto que perdeu nos tres últimos anos en beneficio de Dinamarca.

Feijóo non pode manter a equidistancia na fraude das preferentes porque ten responsabilidades

Jorquera fixo un pequeno balance da situación que atravesa o sector, que dá varias claves do importante e necesario que é mudar de políticas, de tal xeito que a prioridade sexa incentivar a recuperación económica e a economía produtiva.

Referiuse concretamente á perda de 198 buques dende a chegado do PP ao goberno, á destrución de 1.600 postos de traballo, aos que hai que sumar os 525 de marisqueo a pé, e á perda dese primeiro posto como potencia na UE.

Preferentes

Para Jorquera, a Banca Pública permitiría tamén resolver outros problemas e aludiu de novo aos afectados pola fraude das preferentes, toda vez que onte foron recibidos por Feijóo e este “volveu demostrar a súa impotencia para resolver un problema que é un auténtico corralito”.

O candidato do BNG lamentou que o presidente da Xunta sega defendendo a fórmula da “arbitraxe”, pois é tanto como situarse nunha situación de “equidistancia”, é dicir, obviar responsabilidades, cando si as ten.

Jorquera cuestiona os dados de défice da Xunta e lembra que a débeda se duplicou co PP

Jorquera ironizou e comparou a Feijóo con Sergio Ramos, “pois semella estarse especializando en botar balóns fóra”, e recordou que na medida na que permitiu a bancarización de NGB, con ese paso pemitiu que Galiza deixara de ter competencias para tutelar o sistema financieiro e para obrigar ás entidades a responder ante este “auténtico corralito”.

Asemade, amosouse totalmente convencido de que os poderes públicos teñen instrumentos se hai vontade política, como por exemplo condicionar os 15 mil millóns de euros que se destinaron a sanear a banca privada a unha serie de requisitos, entre eles a esixencia de devolver os cartos aos afectados polas preferentes.

Défice

A preguntas dos xornalistas sobre os dados do défice, o candidato nacionalista denunciou o incremento até o 4,37 por cento do PIB se se computa a devolución dos anticipos a conta do financiamento autonómico e lembrou que cando se fala de défice hai que falar tamén de débeda, e dende a chegada de Feijóo á Xunta pasou de 3.300 millóns a 7.700.

“Estas son as cifras reais -dxo- pero o problema de fondo é que é imposibel cumprir os obxectivos de défice mentres as políticas públicas estean obsesionadas única e exclusivamente con acadar a consolidación fiscal e desatendan as políticas e recuperación económica con políticas de estímulo e de crecimento. Por esa vía, pola vía de máis recortes aínda non haberá nin recuperación nin se acadará o obxectivo de défice”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG