O Grupo parlamentario do BNG concentrado ás portas do Parlamento galego pide a dimisión do Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar
O grupo parlamentario do BNG exhibe un cartaz baixo o lema Baltar dimisión, Feijóo cómplice ante as portas do Parlamento galego, minutos antes de dar comezo a sesión plenaria na que o BNG non pode formular a pregunta ao Presidente pola reforma do regulamento da Cámara.
O portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera acusou ao Presidente da Xunta de actuar como encubridor dun caso de acoso sexual e violencia machista e esixiu, que como Presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, inicie os trámites para a expulsión de Baltar e a súa dimisión como Presidente da Deputación.
Jorquera explicou que as gravacións demostran claramente que Baltar solicitou favores sexuais a cambio de promesas de colocación na Deputación de Ourense, onde, por outra parte, dixo, son habituais as prácticas de nepotismo. O parlamentario lembrou as declaracións do Presidente da Xunta nas que afirmaba que unha muller quixo que Baltar delinquise e non delinquiu, manifestacións que ao seu entender, sitúan a Feijóo como cómplice dun caso de acoso sexual. O deputado esixiu ao Presidente da Galiza e Presidente do Partido popular de Galiza que rectifique e deixe de ser cómplice e encubridor dun caso evidente de violencia machista.
A oposición abandona o hemiciclo tras a resposta de Feijóo
A resposta de Feijóo ás preguntas formuladas polo Grupo Mixto, AGE e PSOE relacionadas coa denuncia contra o Presidente da Deputación de Ourense provocaron o abandono dos grupos da oposición do hemiciclo.
O BNG mostrou a súa indignación pola resposta de Feijóo que comezou a súa intervención argumentando que para el o problema máis importante de Galiza é o desemprego.
Tras o abandono do hemiciclo, a deputada do BNG, Carme Adán asegurou que tiña moi claro que a denuncia contra Baltar esixía a súa dimisión pero despois de escoitar ao Presidente da Xunta Feijóo tamén debe dimitir, recalcou.
Pola súa parte, o portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera tachou de "insultante" a resposta do Feijóo que acusou de "frivolidade" á oposición por traer á Cámara unha pregunta sobre violencia machista.
Para Jorquera, Feijóo demostrou hoxe que "para el a violencia machista non é un problema importante" e con esta actitude insulta ao 50% da poboación e pon en evidencia que considera "irrelevante" a violencia machista. Feijóo quedou hoxe retratado, concluíu.