O BNG anuncia a presentación dun recurso ante a Xunta Electoral Central (XEC) pola distribución dos espazos electorais nos medios públicos galegos, -TVG, RG e desconexións territoriais de RNE e TVE-, decidido pola Xunta Electoral Provincial que cualifica unha auténtica declaración de guerra que vulnera os principios democráticos e a legalidade vixente e que representa un caso insólito dentro do Estado español.
É un intento claro de censura co que se quere amordazar politicamente o BNG, que vulnera os principios democráticos e da propia legalidade vixente, caso único, insólito no Estado español, co que se intenta censurar politicamente ao Bloque, coa intención de facer calar ao nacionalismo galego, denuncia o portavoz nacional, Xavier Vence.
Non imos quedar calados ante esta decisión inxusta, antidemocrática e ilegal da Xunta Electoral Provincial, cuxa actuación é parcial e amosa animadversión, que só se entende se hai unha vontade explícita e deliberada de excluírnos da contenda electoral. Non o imos permitir, ademais de ser unha vulneración dos dereitos dos electores que teñen dereito a escoitar as propostas políticas do BNG nos medios públicos, salienta Vence.
Discriminación con Euskadi e Catalunya
O reparto aprobado pola Xunta Electoral Provincial de Galiza parte do criterio de que o BNG non se presentou ás eleccións europeas en 2009 e que, polo tanto, nin obtivo votos, nin obtivo representación. Porén, embargo, a Xunta Provincial de Euskadi e de Catalunya compútalle ás formacións políticas socias de coalición do BNG nos pasados comicios, -ERC, Aralar e Eusko Alkartasuna-, o número de votos obtidos nas eleccións de 2009 no seu territorio e asígnase en función deses votos, o tempo correspondente nos medios públicos deses territorios.
A realidade é que o BNG obtivo 103.000 votos nos pasados comicios, un 9,08% dos sufraxios galegos, cifras polas que, segundo a lei electoral, a formación nacionalista debería recibir 30 minutos nos medios públicos e non os 10 aprobados pola Xunta Electoral Provincial para toda a campaña.
Esta disparatada interpretación ten como consecuencia que o BNG recibe menos tempo que UpyD, pese a que esta formación obtivo en Galiza 14.148 votos, o 1,24% do total, ou que reciba o mesmo tempo nos medios públicos que formacións políticas ata agora inexistentes ou irrelevantes desde o punto de vista do apoio social, explica Vence.
Apoio de 103.000 electores
O BNG recibe o mesmo trato que o Partido Animalista, Partido dos Piratas, a Falanje Española de las JONS, Democracia Nacional, Partido X ou Movimento Corriente Roja e outros, denuncia o dirixente nacionalista. A opción política de 103.000 galegos e galegas nas eleccións europeas non pode ser considera igual que calquera partido que se lle poida ocorrer a calquera individuo ou grupo, ata agora inexistente ou sen presenza no país.
É un atentado aos dereitos da cidadanía e a democracia, porque intentan silenciar a unha parte moi significativa dos electores e electoras deste país. Non somos o mesmos que o Partido dos Piratas, que o Partido X, que o Movemento Corriente Roja, que a Falanje ou que calquera candidatura de última hora sen presenza política no país, pero para a Xunta Electoral parece que si, reiterou Vence.
Por respecto e equidade esperamos que se rectifique e se nos recoñeza a representación que ten o BNG no país, concluíu Vence, tras salientar que o recurso se presentará mañá mesmo ante a XEC.