O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, alertou de que o Partido Popular está a pór en risco o futuro das pensións, por iso hai que frear a Feijóo o próximo 21 de Outubro, pois se revalida a maoiría dará un aval ao goberno de Rajoy para adoptar eses novos recortes e acometelos con maior agresividade aínda.
Jorquera fixo estas declaracións nun almorzo informativo en Vigo, durante o que cualificou de "alarmante" que o goberno do Estado fixera uso por primeira vez na historia do fondo de reserva das mutuas de traballo para facer fronte ao pago das pensións e vai máis alá, o propio goberno recoñece que está pensando en facer uso do fondo de reserva do sistema de pensións para pagos futuros.
É a primeira vez na historia que un goberno recoñece que está pensando en facer uso do fondo de reserva das pensións para pagos futuros e que xa acude ao fondo de reserva das mutuas de traballo
"Estamos ante unha medida -dixo- que pon en perigo o sistema público de pensións e as eleccións do 21 de Outubro danlle a oportunidade a Galiza de ter un goberno que sexa un dique que serva de contrapeso a estas políticas".
Neste sentido, explicou que nos próximos comicios o que está en xogo é máis que a cor política do próximo goberno da Xunta, é o futuro das próximas xeracións, "pois a dereita está aproveitando a crise para impoñer o seu modelo, un modelo de degradación da democracia e ofensiva centralista, que só trae consigo o desmantelamento do estado do benestar, a ruptura da cohesión social e o empobrecemento da sociedade".
Insumisos aos recortes
Para Jorquera, cómpre un goberbo no que free esta ofensiva e sexa insumiso aos recortes e aí está o BNG, asegurou, para evitar lexitimar os novos recortes de Rajoy que virán co segundo rescate, "de aí o interese do PP en adiantar as eleccións galegas".
Asemade, trátase de facer fronte á terríbel herdanza que deixa Feijóo, dun País en crise económica, política e social e puxo algúns exemplos:
-Cando Feijóo chegou ao goberno, a economía galega medraba un punto e medio por riba da economía española e agora decrece máis que a media estatal
-O sistema financieiro galego está en proceso de liquidación
-A taxa do paro era do 12 por cento cando Feijóo comezou a gobernar, e agora xa supera o 20 por cento e medra por riba da media do Estado.
-Dende que chegou Feijóo, a débeda pública de Galiza pasou de 3.200 millóns de euros a practicamente 8.000, "malia que Feijóo fixo da austeridade practicamente o único eixe do seu goberno".
Mentiras e incumprimentos de Feijóo
O candidato nacionalista afirmou que, por tanto, o único balance que se pode facer do goberno de Feijóo é o dun goberno fracasado, baseado nas "mentiras" e nos "incumprimentos" e, fronte ao mesmo, "a única forza galega preparada, con alternativas para plantar cara aos recortes e garantir, non só a alternancia senón un cambio real nas políticas a partir do 21 O é o BNG".