O portavoz nacional, Xavier Vence, advirte que o Goberno galego aprendeu dos erros do PP en Madrid e do seu intento de privatización á bruta da sanidade pública e en Galiza segue outra estratexia: a de adoptar medidas pinga a pinga e con nocturnidade de recortes, copagamentos e privatización de servizos do sistema sanitario público.
O PP en Galiza aplica unha estratexia de privatización de largo alcance, paso a paso, do sistema, porque aprendeu das consecuencias e do fracaso de aplicar unha privatización á bruta como a que pretenderon en Madrid, e aquí Feijóo vai pola vía de facelo de xeito sibilino pero cos mesmos obxectivos, denunciou Vence.
O dirixente nacionalista mantivo un encontro coa Plataforma SOS sanidade pública en Vigo, a onde se desprazou para amosar o total apoio do BNG coa manifestación convocada por esta plataforma e outros colectivos para o vindeiro 13 de febreiro, en defensa dunha sanidade pública universal e de calidade para Vigo e a súa área metropolitana.
Vence fixo fincapé na reordenación das áreas sanitarias impostas pola Xunta de xeito unilateral, que prevé a desviación de pacientes da área sanitaria de Vigo. Neste sentido, subliñou que o problema das listas de espera que alega o SERGAS non se soluciona obrigando a desprazarse aos doentes, senón dotando de servizos e de especialidades aos centros hospitalarios da maior cidade do país, tal como ben de defender o BNG a través do grupo municipal.
Vemos como o modelo de sanidade privada ensaiado con Povisa queren estendelo ao novo hospital, advertiu, mentres en paralelo, o que o novo hospital que debería ser a peza clave para borrar as carencias do servizo sanitario en Vigo, xa está convertido nun hospital semiprivado, con recortes nas dotacións, pese a que a fórmula público-privada de xestión da Xunta triplicará os custes de construción iniciais.
Unha denuncia na que insistiu a portavoz municipal, Iolanda Veloso, quen cualificou de especialmente preocupante a situación da área sanitaria de Vigo, tanto nos servizos sanitarios existentes no hospital Xeral e no Meixoeiro, ao que agora se suma a derivación de pacientes a outras áreas sanitarias, ademais de que somos a única área que ten poboación asignada a un hospital privado.
Mosquera, abuso de poder
Vence reiterou a petición do BNG de dimisión da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, tras a sentenza do TSXG que considera probado que existiu abuso de poder na adxudicación dunha praza de xefatura de servizo ao seu marido no CHUS, no momento en que ocupaba a Xerencia do SERGAS.
Unha decisión que mostra a forma de traballar do PP nos servizos públicos: usa o poder para colocar comisarios políticos na sanidade pública e despois os utiliza para minar e desmantelar a propia sanidade pública desde dentro, denunciou o portavoz nacional.
A conselleira debe dimitir porque estamos ante unha sentenza xudicial que, de xeito inapelable, admite unha desviación de poder a favor do seu marido, e Feijóo debe explicar a xestión que fai da sanidade pública para promocionar aos seus de xeito irregular e minar desde dentro á sanidade pública con comisarios políticos do PP, recalcou.
No encontro coa Plataforma SOS sanidade pública en Vigo tamén participou a portavoz parlamentar de Igualdade e Benestar, Carme Adán, e a deputada Olaia Fernández Davila.