25.000 corazóns latexan en galego

Unha nova mostra de dignidade colectiva, unha manifestación monumental, un torrente de enerxía colectiva en favor do ben máis preciado da nosa identidade nacional, a lingua galega.

Iso foi o que se puxo en cena esta mañá nas rúas de Santiago de Compostela. Un río humano formado por unhas 25.000 persoas compuxeron un único clamor, un berro cívico que ecou por todo o País e que dixo alto e claro que este País quer galego.

"Paremos os ataques contra o galego", así rezaba o lema co que Queremos Galego -unha plataforma formada por unha miríada de até 700 asociacións do tecido cívico deste País- chamaba máis unha vez ás galegas e aos galegos.

Paradoxalmente neste País, a xente ten que saír á rúa a defender a súa lingua...dos ataques que lle inflixe o seu propio Goberno!!!, aquel que de acordo coa legalidade vixente tería de se ocupar de termar dela e de lle emprestar o máximo apoio.

A manifestación tivo un ton eminentemente festivo e apresentou unha paisaxe humana do máis heteroxénea, con destaque especial para as máis mozas e os máis mozos, garantía de que a lingua non só ten presente -aínda que ferido- senón tamén futuro.

Como tamén é tradición, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, atendeu aos meios de comunicación antes da manifestación partir da Alameda. Nas súas breves declaracións, Guillerme criticou que “o Partido Popular e o señor Feijoo, ao tempo que se adican a poñerlles flores á lingua galega con motivo do 17 de maio, fan o posíbel e imposíbel para que o noso idioma non tire para adiante”.

Guillerme participou esta mañá en Santiago de Compostela na multitudinaria manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego, que reuniu a máis de 25.000 persoas baixo o lema “Paremos os ataques contra o galego”.

O portavoz nacional afirmou que “un ano máis o BNG está nesta manifestación do 17 de maio para dicir alto e claro que queremos galego, co orgullo de ser galegos e galegas”.

Porén, tamén denunciou a dobre linguaxe do Partido Popular e de Feijoo “que ao tempo que se adica a poñer flores á lingua galega, fai o posíbel e imposíbel para que o noso idioma non poida tirar para adiante”.

E como mostra puxo “o que ven de facer o concello de Santiago, gobernado polo PP, poñendo todo tipo de obstáculos e pexas á realización desta manifestación”.

Guillerme concluíu lembrando que “se somos galegos e galegas é por obra e gracia do idioma, como dicía Castelao”.

http://youtu.be/9e-W5gNrA9c

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG