A Galiza real voltou este venres a asomar o seu rosto real. Os dados correspondentes ao segundo trimestre da EPA son verdadeiramente estarrecedores. O 20 por cento das e dos novos parados no Estado son galeg@s.
Pero hai máis:
- En números absolutos: Galiza acada os 275.900 desempregados/as, 113.200 máis desde o primeiro trimestre de 2009 (desde que goberna Feijoo)
- O incremento do paro desde que goberna Feijoo é do 69.5 por 100, cando no Estado español nese mesmo período medrou o 41.9 %. Isto é, que coas políticas de Feijoo o desemprego en Galiza medra 27 puntos porcentuais máis que no Estado.
- A taxa de paro en Galiza sitúase no 21.07, xa próxima ao 24.63 de media do Estado (3.5 de diferenza), cando en marzo de 2009 a diferenza era de 5.1 puntos porcentuais (Galiza: 12.2, Estado 17.3)
- O incremento de parados no segundo trimestre de 2012 en Galiza foi de 10.300 persoas, e no Estado en total de 53.600. Isto quere dicir que Galiza achegou case o 20 por 100 dos novos desempregados no Estado neste período, cando a proporción da poboación activa non chega ao 6 por 100 (5.7).
- Finalmente, desde que goberna Rajoy, en Galiza o incremento o número de desempregados foi de 35.700 persoas, isto é case un 15 por 100 máis de desempregados en Galiza desde que hai goberno amigo do PP, cando nese período no Estado o aumento do desemprego foi do 7.9 % (case o 8 por 100). É dicir, que cos gobernos do PP en Madrid e Galiza o ritmo de incremento de paro non descendeu, senón que é máis agravado no noso país, aumentando dito ritmo de incremento case o dobre.